Denuncian que seguen pechadas as consultas de control de cancro no CHUS

Un paciente leva cinco meses agardando por unha revisión.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/09/2023 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

A xerencia do CHUS mantén pechadas as axendas para consultas de control e avaliación de pacientes de cancro con tratamento rematado, a pesar das múltiples denuncias públicas realizadas pola Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, das queixas presentadas ante a valedora do pobo e das reclamacións realizadas polos pacientes.

Sala de observación do servizo de Urxencias do CHUS
Sala de observación do servizo de Urxencias do CHUS | Fonte: REMITIDA

Así o denuncia a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, a través do testemuño do paciente de cancro Xosé Penabade. Segundo el, o servizo de otorrinolaringoloxía, en contra da indicación dada polo facultativo que leva o seu caso, incumpre os protocolos de control e seguimento dos pacientes de cancro e mantén pechadas as axendas, con vulneración da normativa legal de aplicación. Esta é a súa versión:

Hai tres anos operáronme dun cancro de larinxe e durante este tempo estivéronme revisando regularmente no servizo de otorrino do clínico (chamábanme á consulta cada tres meses). O ano pasado fun nunha ocasión ao mostrador de otorrino reclamar que me puxesen unha cita porque xa pasaran catro meses e non me citaban. Funcionou. Ao cabo duns días chamáronme á consulta. Este ano, a última consulta que tiven foi o 16 de marzo. Coma sempre, o otorrino díxome: "nos vemos dentro de tres meses". Como xa van máis de cinco, o día 29 de agosto fun reclamar na oficina de atención ao doente. O día 30 chegoume un comunicado a través de sergas.gal, dicíndome que non hai anomalía ningunha e que tiña prioridade normal. Entón paréceme unha tomadura de pelo.  Son un doente oncolóxico e o meu otorrino dime que debo revisarme cada tres meses, terán a obriga de facelo, non? Indigna bastante o que están a facer coa Sanidade.”

A asociación denuncia que a xerencia continúa actuando á marxe do estado de dereito ao incumprir o artigo 9º.3. da Orde do 13 de xullo de 2004, que literalmente establece que “as axendas deberán ser o máis estables posibles, coa finalidade de promover unha asistencia accesible e de calidade, evitando no posible as cancelacións, as reprogramacións e as rectificacións de citas, así como impedindo a existencia de pacientes en espera para a asignación da data da cita. Esta espera para a asignación de data de cita só poderá ser autorizada excepcionalmente con carácter técnico, polo director xeral de división de Asistencia Sanitaria, cando estea suficientemente motivada polo hospital por un período de tempo determinado”.

"Non consideramos unha práctica admisible que a partir do primeiro diagnóstico os pacientes oncolóxicos teñamos que andar continuamente reclamando o esencial para a nosa saúde, que é manternos baixo vixilancia nunha marxe temporal razoable. E desde logo non estamos ante unha situación nova ou puntual, senón que se perpetúa algo que levamos anos denunciando sen éxito", denuncia a entidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta