A Xunta confirma contaminación por cobre, cadmio e zinc da mina de San Finx e ameaza con sancións

Di que lle retirará a autorización se non axusta as verteduras nun mes. As organizacións da Plataforma comarcal contra as verteduras da mina mostráronse "indignadas" ante o anuncio, posto que levan sete anos solicitando medidas sancionadoras que non se implementaron.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2023 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

A Xunta, a través de Augas de Galicia, requiriu á empresa Tungsten San Finx SL que "axuste a xestión das augas residuais" xeradas nas instalacións da mina, situada no concello de Lousame, ás "condicións establecidas na autorización de vertedura" que se outorgou.

Deste xeito, a concesionaria deberá acreditar documentalmente este axuste no prazo dun mes, segundo comunicou este venres a Xunta. De non ser así, os incumprimentos poderá dar lugar á revogación da autorización da vertedura.

Este requirimento dáse despois de que os técnicos de Augas de Galicia constatasen nunha recente inspección á zona a falta de execución en prazo das instalacións de tratamento para a correcta evacuación das augas residuais na balsa de decantación final.

Nesta inspección tamén se detectou a vertedura de augas residuais á rega Rabaceiras en dous puntos non autorizados e con superación dos límites impostos para os parámetros de cobre, cadmio e zinc. De feito, as análiticas realizadas, e que foron desveladas este xoves pola plataforma en contra da mina, reflicten niveis de ata 78 veces superiores ao límite máximo permitido en cadmio.

INFRACCIÓN "GRAVE"

Nun comunicado, a Xunta lembra que estas infraccións están recollidas como "graves" na lei 9/2010 de Augas de Galicia, polo que o organismo público vén d einiciar o correspondente expediente sancionador á empresa concesionaria. Este tipo de infraccións, atendendo ao tenor de normativa vixente, poden supor sancións que van ata os 300.000 euros.

Augas de Galicia outorgou o pasado mes de febreiro a esta empresa a autorización para a execución dunha depuradora, que incluía 18 condicionantes que debía cumprir o titular da explotación para a correcta xestión da vertedura e as medidas para unha depuradoración adecuada.

Varios centos de persoas mobilízanse en Noia contra a mina de San Finx
Varios centos de persoas mobilízanse en Noia contra a mina de San Finx | Fonte: CONFRARÍAS DE PESCADORES

AS PLATAFORMAS EN DEFENSA DA MINA DIN QUE EN 7 ANOS NON SE FIXO NADA

As confrarías de pescadores de Noia e Portosín e as restantes organizacións da Plataforma comarcal contra as verteduras da mina de San Finx mostráronse "indignadas" ante o anuncio de Augas de Galicia, posto que estes colectivos levan sete anos solicitando medidas sancionadoras que, din, non se implementaron.

Nun comunicado, sinalan que no expediente de autorización de verteduras constan analíticas realizadas no mesmo punto do río nos anos 2015, 2016 e 2017, que presentaban resultados "igual de alarmantes", sen que a Xunta adoptase "ningunha medida". "Queremos saber a verdade de por que Augas de Galicia esperou sete anos para iniciar un expediente sancionador e que se depuren responsabilidades administrativas e penais", declarou o patrón maior de Noia, Santiago Cruz.

Ao seu xuízo, "non é normal que, coñecendo o grao de contaminación do río durante todos estes anos, os mesmos funcionarios e altos cargos non fixesen absolutamente nada", o cal dixo suxerindo que os movementos de agora teñen que ver cos cambios da empresa, despois de que Sacyr e os seus socios australianos de Pivotal Metals abandonasen o proxecto mineiro para evitar responsabilidades polos impactos na ría de Muros e Noia.

Os colectivos da plataforma solicitaron este venres a personación no expediente sancionador para "evitar que se converta nunha farsa e asegurar que se adoptan as medidas cautelares necesarias para impedir que a contaminación poida chegar á ría".

PIDEN QUE SE OBRIGUE Á EMPRESA A PARAR DE "INMEDIATO"

Por iso, pediron a Augas de Galicia que "obrigue á empresa a parar de forma inmediata" as verteduras de augas residuais da mina, mediante as melloras técnicas dispoñibles, incluíndo o selado de tranversais de desaugadoiro mediante 'bulkheads' e o taponado de chemineas e pozos de ventilación, permitindo así a reinundación das plantas que foron baleiradas desde 2008 e creando condicións que minimicen os procesos de xeración de drenaxes acedas de mina.

"Isto é precisamente o contrario do que pretende facer a Xunta ao permitir o baleirado das plantas inferiores da mina, pois isto só levaría a un aumento dos niveis de contaminación, ao expor as plantas alagadas ao osíxeno, que fai que se disolvan os metais presentes nas pedras das galerías", explica o portavoz da plataforma e membro de Ecoloxistas en Acción, Joám Evans.

MEDIDAS

Así as cousas, a plataforma insiste en que é o momento de "aplicar" a Lei de responsabilidade ambiental, baixo o principio de que "quen contamina, paga", e impondo "sen demora" á empresa medidas provisionais preventivas e de evitación para "impedir a continuidade de verteduras contaminantes".

Así mesmo, tamén reclaman que se establezan avais e garantías ambientais para asegurar que a empresa fai fronte aos danos, "dado o risco de quebra da mercantil e de fuga" dos seus administradores, todos eles estranxeiros.

Foto difundida pola plataforma contra a mina de San Finx polas 'verteduras' que denuncian á Ría de Muros e Noia
Foto difundida pola plataforma contra a mina de San Finx polas 'verteduras' que denuncian á Ría de Muros e Noia | Fonte: PLATAFORMA CONTRA MINA DE SAN FINX
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta