Londras, lobos e osos pardos volven aos montes galegos polo éxodo rural: a outra cara do despoboamento rural

As prohibicións da súa caza e as políticas de protección dos especímenes fan que hoxe por hoxe o maior inimigo destes animais sexan o atropelo nas estradas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 09/08/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O peor inimigo da natureza é o home. Esta é unha afirmación que ninguén pode negar. Onde o home pon a súa man, todo resulta destruído, dende o medio ata as especies que viven nel. O ser humano crese dono e señor de todo o que o rodea, e pensa que pode facer o que queira sen consecuencias: caza indiscriminada, demolición de ecosistemas, plantacións ilegais... Todo iso leva consigo a desaparición de flora e fauna autóctona, senón que llo digan ás londras, aos lobos ibéricos ou aos osos pardos.

Familia de osos pardo
Familia de osos pardo | Fonte: plataformadefensagistreo.blogspot.com

Aínda que a día de hoxe pareza mentira, estas especies deberían formar parte do noso territorio ao igual que o fan os xabaríns ou os corzos. Non tería que ser estraño cruzarse con eles, mais por culpa do home si que o é, quedando moi poucas poboacións con vida. Con todo, nos últimos anos, grazas ao éxodo rural e a varias leis de protección de especies, están a recuperarse. Quen ía dicir que o despoboamento das aldeas e núcleos rurais tería as súas cousas boas? A principal: esa renaturalización espontánea (ou orgánica) dos hábitats.

Un traballo de fin de grao da Facultade de Bioloxía da Universidade da Coruña (UDC), realizado por Eduardo Milani Vargas titorizado polo doutor Alejandro Martínez Abraín, analiza pormenorizadamente cal é a situación actual de cada unha destas especies históricamente ameazadas. As previsións son positivas, a renaturalización espontánea funciona e o éxodo rural fai que creza o número de especímenes, mais as políticas de protección seguen a ser moi necesarias.

LONDRA EURASIÁTICA: COLONIZADORA DE ILLAS COMO AS CÍES

Así, no caso da londra eurasiática, o número de exemplares foi en aumento e expandiuse xeográficamente polo noso territorio grazas á prohibición da súa caza, á redución da contaminación dos ríos e ao citado abandono rural por parte do home. Este mamífero é emblemático do territorio, aínda que hoxe haxa moitos galegos que poden dicir que nunca viron un. A caza peleteira fíxolle moito dano, deixándoas en cifras críticas a mediados do século XX. Foi a finais dos anos 80 cando comezou a recuperarse.

Lobos ibéricos
Lobos ibéricos | Fonte: Carlos Castro

En Galicia agora mesmo os expertos consideran que está nun estado de conservación óptimo, pero non hai que confiarse. Antes pensábase que vivían por preferencia nos cursos altos dos ríos, mais cando disminuíu a presión humana, foron baixando ata os tramos medios e baixos, e mesmo a costa. Isto puxo de manifesto que realmente estaban nos tramos altos para refuxiarse do ser humano, non por preferencia. E é que nas zonas costeiras poden pescar manxares máis suculentos, como agullas ou anguías, e mar adentro mesmo gambas. Tamén chegaron a colonizar illas, como é o caso das Cíes.

Algo que foi moi positivo para esta especie, ademais do éxodo rural e das leis que prohibían a súa caza, foi a introdución do cangrexo americano en 1973 nos ecosistemas, e a construcción de encoros dende os anos 60, o que provocou a chegada de máis presas exóticas e a posibilidade de saír a cazar polo día. Así as cousas, hoxe o seu maior inimigo segue a ser o ser humano, pero neste caso polos atropelos en estrada.

LOBO IBÉRICO: DEIXOU DE SER UNHA 'ALIMAÑA' PARA PROTEXERSE

O lobo ibérico, a pesar de ser visto tradicionalmente como unha alimaña perigosa e ser perseguido indiscriminadamente, vai en aumento na actualidade. En áreas onde a gandaría extensiva desaparece é cando recupera o seu labor regulador do ecosistema. Con todo, aínda son necesarias medidas para reducir os conflitos coas poboacións locais que se ven prexudicadas cando este ataca ao gando. Ataques que non resultan algo novo, xa que o lobo sempre foi fonte de problemas, dende o Neolítico. 

Os nosos antepasados tamén tentaban acabar con el, de maneira que no continente europeo só sobreviviron ata a época moderna poboacións en países como España. Ata 1850 había lobos por toda a península, pero na metade do século XIX foron desaparecendo polo uso de venenos. Así as cousas, só sobreviviu no norte, en Galicia, onde chegou igualmente a mínimos históricos de poboación nos anos 60 do século XX. A tendencia cambiou cando nos anos 70 se eliminou á especie do catálogo de 'alimañas'.

Dende 2015 estímase que en Galicia viven 90 manadas reprodutoras (7 individuos por manada de media: 4 cachorros e 3 adultos) que se extenden de forma homoxénea polo 90 % da comunidade, habendo máis en Lugo e Ourense e menos en zonas costeiras e industrializadas como Pontevedra, onde escapan do home. Resgárdanse en zonas de montaña e en bosques frondosos e mesmo levaron a cabo cambios na súa dieta, optando por potros salvaxes e tenreiras. Incluído no listado de especies silvestres en réxime de protección especial, están volvendo ás zonas baixas, aínda que con medo aos humanos. Cando a súa caza deixa de ser un problema, o maior risco está nos atropelos.

OSO PARDO: SE HOUBESE MÁIS BOSQUES DE LANDRAS NON PRECISARÍAN O MEL

Pola súa banda, os osos pardos cada vez son máis frecuentes en Galicia. Este mamífero, o maior carnívoro español, chegou á península no Pleistoceno a través de poboacións que migraron dende o norte dos Pirineos. A finais da última era glacial xa estaban dispersos por toda a península. Con todo, durante o Neolítico fóronse reducindo pola presión humana e ao longo do medievo mesmo os usaban comúnmente como decoración en paredes e alfombras. Así foi como desapareceu de moitas partes de España, quedando no século XIX acantonado nas cordilleiras cantábricas e pirenaicas

Durante a primeira metade do século XX, debido á proliferación de estradas no Cantábrico, o oso pardo quedou dividido en dous subgrupos, sendo a poboación máis numerosa a do oeste, é dicir, a que chegaba a Galicia, na zona este de Lugo. Foi en 1967 cando comezou a protexerse prohibindo a súa caza de forma temporal, e prohibíndoa de forma permanente en 1973. Así, a partir dos anos 80 foise recuperando o número de exemplares pouco a pouco, habendo na actualidade uns 250 osos na zona galega e uns 40 no outro lado da cordilleira, separados por uns 30 ou 50 quilómetros, aínda que cada vez interactúan máis.

A súa alimentación é moi variada, e non precisan de carne para sobrevivir, de feito moitos son totalmente herbívoros. Os que máis prefiren o mel das colmeas, algo que provocou varios ataques nos últimos anos e protestas por parte dos gandeiros. Se se fixesen políticas para promocionar a plantación de bosques caducifolios (en vez de eucaliptos), esto xeraría máis landras, outro dos seus alimentos preferidos, e reduciríase o problema dos ataques. A día de hoxe, con todo, o maior número de mortes dase por enfermidades: o adenovirus canino A (que lles causa necrose e hepatite), a miotose (que lles provoca debilidade muscular) e os parásitos gastrointestinais.

Unha londra nunha praia de Fisterra
Unha londra nunha praia de Fisterra | Fonte: Remitida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta