O TSXG rexeita suspender de forma urxente as autorizacións a cinco parques eólicos como socilitaban ecoloxistas

Descarta a petición exposta por Ecoloxistas en Acción e inadmite outra da Asociación Petón do Lobo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2023 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu cinco autos nos que denega as medidas cautelares urxentes solicitadas por Ecoloxistas en Acción para que se suspendesen as autorizacións administrativas previas e de construción dos proxectos dos parques eólicos de Serra do Faro, Vilartoxo, Monte Festeiros, As Penizas e Reboiro.

En ningún dos casos a Sala apreciou "a urxencia requirida pola lei para a tramitación inaudita parte", é dicir, sen ouvir á parte contraria, neste caso, á Consellería de Economía, Industria e Innovación. Por iso, sen entrar no fondo do asunto, decretou que as solicitudes de medidas cautelares se resolvan mediante o trámite ordinario, non polo urxente, tal e como reclamaba a asociación ecoloxista.

Os maxistrados explican en cada un dos autos que a entidade nada alegou "sobre a concorrencia de circunstancias que amparen a tramitación urxente" que reclama e que podería xustificar a tramitación dos incidentes inaudita parte. Desta forma, os xuíces destacan que a lei esixe "que se dean circunstancias de especial urxencia".

Isto supón "efectuar unha motivación que xustifique que proceda no caso concreto o sacrificio do principio de contradición, é dicir, como vén sinalando pola xurisprudencia, requírese que se fagan constar circunstancias que poñan de manifesto que, no caso de seguir a tramitación ordinaria do incidente, a adopción da medida cautelar resultaría ineficaz".

Ademais, subliñan que tamén deben terse en conta que as resolucións polas que se concederon as autorizacións administrativas previas e de construción, cuxa suspensión se reclama, son do mes de abril de 2023; e as resolucións que denegaron as suspensións cautelares en vía administrativa (non xudicial), do mes de xuño.

"Transcorreron xa varios meses desde a primeira e máis dun mes desde a segunda, sen que se solicitase pola demandante, con anterioridade, a tutela cautelar ante esta xurisdición, e sen que nada alegue sobre o inicio das obras ou que sexa inminente ese inicio, precisamente neste mes de agosto, por existir algún indicio diso", explica o TSXG nos autos, contra os que non cabe presentar recurso.

INADMISIÓN

O TSXG tamén emitiu outro auto no que inadmitiu a solicitude de medida cautelar urxente solicitada pola Asociación Petón do Lobo, consistente na suspensión da resolución de 23 de abril de 2023 pola que a Xunta outorgou autorización administrativa previa e de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Faro.

O alto tribunal indica que, sen entrar a valorar ningunha outra cuestión sobre a tutela cautelar suscitada, procede a inadmisión da solicitude porque non consta que interpuxese un recurso contencioso-administrativo previo nin ao mesmo tempo que pediu a medida cautelar. A resolución non é firme, pois cabe interpor recurso.

Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, a 31 de maio de 2023, en Esgos, Ourense
Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, a 31 de maio de 2023, en Esgos, Ourense | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta