A nova faciana do pazo de Lourizán; investimento privado para usos hoteleiros e conferencias

Rueda destaca que suporá "o rexurdimento" do complexo desde o punto de vista cultural, académico, paisaxístico e turístico.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2023 | Actualizada ás 20:58

Comparte esta noticia

A Xunta prevé comezar en 2024 a rehabilitación do pazo de Lourizán, que contará cunha partida de 18 millóns de euros. A actuación pasará pola "necesaria e rigorosa" mellora do edificio principal, ademais da construción dunha sala polivalente de conferencias e a posibilidade de albergar establecementos de aloxamento turístico ou restauración.

"O rexurdimento definitivo de Lourizán e de todo o que supón comeza hoxe, 31 de xullo do ano 2023", anunciou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, ao presentar os traballos de restauración e deseño de novos usos e actividades do pazo de Lourizán que vai levar a cabo a Administración autonómica e que impulsarán o recinto histórico desde o punto de vista cultural, académico, paisaxístico e turístico.

Nunha visita este luns, o titular do Executivo autonómico tamén avanzou que se recuperarán os itinerarios e instalacións do xardín botánico, "un tesouro como hai poucos en España e Europa". Entre outros, estivo acompañado do conselleiro do Medio Rural, José González, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

O presidente indicou que tamén se quere consolidar Lourizán como centro de referencia en formación forestal e punto de encontro para o estudo e a investigación neste ámbito, para iso este ano seleccionarase a proposta gañadora do concurso de ideas co obxectivo de poder comezar as obras en 2024.

USOS

Nesta nova etapa, a Leira de Lourizán terá seis usos: "divulgación, restauración, xestión, oficinas, aloxamento e apoio", tal e como desvelou o arquitecto Manuel Rodríguez López, coordinador da Fundación Ría, constituída polo famoso arquitecto David Chipperfield.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, sinalou que se espera que as instalacións tamén poidan "xerar recursos propios para contribuír ao seu mantemento". Nesta nova etapa que se abre para o pazo de Lourizán despois da cesión da Deputación Provincial, Alfonso Rueda abriu a porta á entrada de "investimento privado", algo que será "sen perder nunca a titularidade pública", pero tamén entendendo que "hai que darlle un uso diversificado a este conxunto".

"Estou seguro de que a inmensa maioría da xente estará de acordo en que combinemos os usos", engadiu o presidente da Xunta, que volveu insistir en que "sempre sen perder a propiedade pública para darlle unha vida na que todos poidan participar".

PAPEL DO BNG

Durante este acto de presentación oficial, Alfonso Rueda recoñeceu a contribución do exvicepresidente da Deputación e actual concelleiro do BNG en Pontevedra, César Mosquera, que "foi quen impulsou isto". A cesión aprobouna o anterior goberno bipartito PSOE-BNG tras 80 anos en mans do organismo provincial.

A preguntas dos medios, Alfonso Rueda garantiu que "Ence aquí non tería ningún tipo de intervención na xestión nin no deseño nin en absolutamente nada", pero non pecha a porta a que faga achegas de fondos. Este luns estaba presente neste acto o director de Ence en Galicia, Antonio Casal.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no pazo de Lourizán
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no pazo de Lourizán | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta