Mind Surfing

O navegante emocional Gabriel Rei-Doval chega á Fisterra californiana dos surfistas da mente nesta sesaxésimo primeira entrega de 'Viaxes sen Lee'

Por Gabriel Rei-Doval | Cabo Mendocino (California, USA) | 31/07/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Trala intensa ruta onírica nocturna saín cedo cara a Cape Mendocino, a Fisterra de California. A estrada bordeaba a Ría de Humboldt ata o xardín botánico e comezaba a elevarse sobre o nivel do mar onda Humboldt Bay National Wildlife Refuge. Sen dubidalo, desbotei as oportunidades da amigable Fortuna e tomei a saída de Mattole Road a unha estrada cachazuda de fochancas e contracurvas interminables, como viaxando cincuenta anos atrás por corredoiras galegas de pavimento irregular e chapapote regañado. 

As ondas do mar de California
As ondas do mar de California

Ó pasa-la vitoriana Ferndale o servizo de estradas de California fíxome parar mentres reasfaltaban unha vía polo demais con escaso tráfico. Baixei a xanela dereita para pregunta-la razón das incómodas obras e unha operaria de trazos aztecas, curvas prominentes e cabelo malva ourizo cacho limitouse a responder “We’re waiting for the big one”.

Trala sísmica resposta reabriuse o carril esquerdo e as velas de Auris despregáronse pola serpenteante ruta de Cabo Mendocino. De súpeto, acendeuse a luz da reserva de combustible e comecei a matinar na distancia que mediaría ata a seguinte gasolineira.

O pacífico ronsel das rutas de aviación seguía paralelo á costa e con temores enerxéticos a miña atención desprazouse da codia ó cerne terrestre, onde movementos telúricos silenciosos sosteñen sempiternas ameazas na imprevisible falla de Santo André. Mais optei por prioriza-lo presente inmediato: a escarpada liña da costa californiana onde o azul oceánico reflectía un cromatismo aéreo de azuis diversos e bandas deseñadas de branco aeronáutico. E a estrada enfiou un último descenso ata a ribeira marítima. 

Parei xunta a dous mozos de cabelos hippies e ollares espiroides que fitaban o océano a tempo completo. Sendo os únicos humanos en varias millas pedinlles un suvenir fotográfico que cortou o seu absorto ollar mariño. Keith e Derian achegáronseme con permanente sorriso labial, camiñar torpe e ollos avermellados, tomaron entre gargalladas o meu móbil e tiráronme dúas imaxes onda a costa. 

O descenso final a Cape Mendocino xunta Sugar Loaf Island
O descenso final a Cape Mendocino xunta Sugar Loaf Island

Todo o seu círculo de relacións vivía no Emerald Triangle, que abranxe os condados de Mendocino, Trinity e Humboldt. Nos anos 70, a vaga hippie fixara poboación naquela costa de mar bravo e costumes relaxados e, canda a legalización da marihuana para fins medicinais vinte anos despois, instaláranse na zona, ademais de Keith e Derian, unha chea de búlgaros, romaneses e estadounidenses, en particular trala aceptación da substancia para usos recreativos en 2016.

Indaguei no devezo por fitaren a costa e maila súa posible relación con prácticas meditativas, mais Keith clarexou lacónico o seu obectivo: “Mind Surfing”. Ó meu abraio silencioso respondeu Derian afirmando que cando o mar era livián gozaban do surf en cadansúa táboa de ula; porén, cando o brío das ondas impedía saír acudían á costa para practicaren Mind Surfing.

Interesáronse polo meu mapeo corporal Vipassana, mais eles preferían o cultivo e a meditación marihuánica. E cando afirmei inxenuo a súa substancia ser máis liviá ca o peiote ou a ayahuasca, as súas gargalladas estouraron como surf mental en martes de novembro.

Unha frauta nativoamericana sopraba na distancia mesturada coas ondas do Pacífico, e pensei que era tempo de integra-lo Mind Surfing camiño de Petrolia, onde a evasión mental debía deixar paso á procura de combustible nas agrestes paisaxes do occidente californiano.

Na agreste costa de Cape Mendocino
Na agreste costa de Cape Mendocino
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA