O PP asuca ao BNG de paralizar as obras da nova Edar de Santiago e denuncia o sobrecusto dos traballos

O PP local pediu ao BNG que aclare "cal será a repercusión das tarifas do recibo da auga que pagan os veciños de Santiago polo tratamento e depuración".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2023 | Actualizada ás 19:51

Comparte esta noticia

O PP de Santiago denunciou "o sobrecusto" que suporá o novo proceso de licitación da depuradora de augas residuais da capital galega (EDAR).

Para o concelleiro popular José Ramón de la Fuente, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, "infrinxe unha auténtica labazada" aos veciños de Santiago "ao solicitar unhas modificacións na nova licitación do contrato" que, segundo os populares, "suporá un novo atraso na execución da obra e un incremento do custo de máis de 11 millóns de euros.

"É inconcibible que o BNG participe na paralización do inicio das obras e contribúa a ese incremento significativo de custo", sinalou.

Neste sentido, o concelleiro lembrou que "as malas decisións tomadas xa no 2018 por Xan Duro" levaron a esta situación, "aínda sen depuradora e vertiendo residuos ao río Sar", o que, engadiu, "supón un atentado á contorna natural que pouco parece importarlle ao equipo de goberno".

Así, expuxo que "a preguiza e a desidia administrativa do goberno de Compostela Aberta provocaron unha demora na preparación, licitación e adxudicación do contrato que hoxe comprobamos determinante da necesidade da resolución do devandito contrato, que suporá un sobrecusto" que, lamentou, "terán que finalmente pagar todos os composteláns".

Con estes argumentos, o PP local pediu ao BNG que aclare "cal será a repercusión das tarifas do recibo da auga que pagan os veciños de Santiago polo tratamento e depuración". E, respecto das verteduras que recolle o río Sar "a diario", preguntou "que propón o goberno nacionalista para paliar este desastre ambiental ata que teñamos unha nova depuradora".

Pola súa banda, o Goberno local aclarou que foi a concesionaria Acuaes quen comunicou a resolución do contrato para a estación depuradora de augas residuais debido aos sobrecustos. "Non foi unha decisión municipal e, por tanto, a paralización do inicio das obras e o incremento dos custos non lle corresponde ao Concello de Santiago de Compostela", resolveu.

Ademais, lembroulle ao grupo popular que a Xunta "é a administración que menos asignación orzamentaria pon nese convenio, cunha cantidade fixa que non varía, moito menor que a realizada para outros concellos".

Así mesmo, sinalou ao PP que o atraso máis importante que sufriu a EDAR foi "pola decisión de Conde Roa de trasladala ao emprazamento do Souto, proxecto que supuña custos económicos e ambientais que finalmente houbo que reconducir ao lugar da Silvouta".

Actual EDAR. CONCELLO DE SANTIAGO
Actual EDAR. CONCELLO DE SANTIAGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta