Agradecemento de Rueda a Baltar polo seu traballo na Deputación de Ourense durante a toma de posesión de Menor

O presidente galego, Alfonso Rueda, garantiu ao novo presidente provincial a colaboración da Xunta.

Por E.P. | OURENSE | 17/07/2023 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

A Deputación de Ourense celebrou o pleno de constitución no que asumiu a Presidencia da institución o rexedor municipal de Pereiro de Aguiar, Luís Menor. Ante o cambio de ciclo tras 33 anos coa institución ligada ao apelido Baltar --primeiro da man de José Luís Baltar e, nos últimos 11 anos, do seu fillo Manuel--, o presidente galego, Alfonso Rueda, garantiu ao novo presidente a colaboración da Xunta.

Menor, quen conta coa confianza da dirección autonómica do PP e do propio Rueda, recolleu o bastón de mando no salón de plenos do Pazo Provincial onde tamén estiveron presentes distintos cargos políticos como os conselleiros ourensáns José González e Elena Rivo, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado del Río, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.

Precisamente, Rueda, ao termo da celebración da sesión plenaria e despois da tradicional foto da nova corporación nas escaleiras entre o primeiro e o segundo piso do Pazo, compareceu ante os medios de comunicación para agradecer o traballo de desempeñado polo xa expresidente, Manuel Baltar, e desexarlle "sorte" ao novo máximo representante provincial.

Menor foi home da máxima confianza de Alfonso Rueda posto que cando o actual presidente da Xunta Galicia era responsable de Vicepresidencia e Xustiza, Luís Menor era xefe territorial de Presidencia en Ourense, foi secretario territorial na delegación de Goberno autonómico e ademais foi designado director xeral de Emerxencias.

Deste xeito o presidente da Xunta de Galicia dixo que acudía á investidura en representación do Goberno autonómico, "a un indicio dun novo mandato" que describiu como "un exemplo de normalidade institucional" antes de cualificar como "magnífico" o "traballo feito por quen foi presidente esta institución durante once anos", referíndose así a Manuel Baltar, pero sen nomealo.

Tras agradecer o traballo ao expresidente, desexoulle "toda a sorte do mundo" a Luís Menor, de quen subliñou como liñas para a nova Deputación "un traballo concienzudo escoitando a todo o mundo" e en "colaboración con todos os concellos" e, por tanto, "con todos os alcaldes e alcaldesas sexan da cor política que sexan".

Por iso, Rueda, quen destacou de Menor que traballou con el "estreitamente", quixo "ofrecer toda a colaboración da Xunta de Galicia". "Xa o fixen con el en privado e agora dígoo en público: ofrézolle toda a colaboración cun interese mutuo, se progresa Ourense, progresa unha parte moi importante de Galicia", afirmou.

POSTURA DE PSOE E BNG

Pola súa banda o Partido Socialista estreou portavoz. Xa que neste mandato non estará Rafael Rodríguez Villarino, quen asume a portavocía é Álvaro Vila, alcalde de Taboadela, quen fixo fincapé no momento de cambio que vive a Deputación "despois de tres décadas dun goberno monocolor, digamos unha familia monocolor".

Destacou que no seu discurso Luís Menor "empregou palabras novas e xestos de diálogo", asegurando que "se é o que expón, aí atopará ao PSOE", pero lembrando tamén que o Partido Popular goberna en minoría, polo que ese diálogo "non só é desexable, senón que tamén é necesario". Ademais, avanzou que o seu desexo para este mandato é que "sexa o do financiamento xusto para os concellos".

O BNG, en palabras do seu portavoz, Bernardo Varela, tamén puxo o foco en que o PP goberna sen maioría absoluta e pediu a Democracia Ourensá "que non faga o papel de muleta" para "poder terminar coas políticas caciquiis tanto nos postos de traballo como na repartición de fondos cara aos concellos" da provincia. "Ese plan único é algo básico para poder chegar a un entendemento e ter altura de miras", resolveu.

Rueda participa na constitución da nova corporación provincial ourensá.. Rosa Veiga - Europa Press
Rueda participa na constitución da nova corporación provincial ourensá.. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta