Pontón di que o BNG "lle disputa escanos ao PP en todas as provincias" e pide "votar con ilusión"

A portavoz nacional do BNG indica que "a papeleta do BNG non quere privilexios, quere xustiza e dignidade para os galegos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2023 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

A líder do BNG, Ana Pontón, arrincou nas Ponte, a última semana desta carreira cara ás urnas, nas que a portavoz nacional envorcarase cos candidatos nas principais urbes galegas antes de pechar na Coruña o vindeiro venres.

Nesta intervención, a dirixente nacionalista salientou que a formación nacionalista "dispútalle escanos ao PP en todas as provincias", polo que avisou de que "non é o momento do medo nin de votar polo mal menor, é o momento de votar con ilusión, con forza e ganas" coa papeleta do BNG.

Pontón incidiu en que a do Bloque é a papeleta que ten na man "a defensa" dos intereses de Galicia e servirá para "pór fin ao centralismo" e impulsar "unha transición xusta" nas Pontes. É a "papeleta que lle dá poder aos galegos para facerse valer en Madrid".

Por iso é o "momento" de "concentrar todo o voto rebelde, inconformista, todo o voto das persoas que están fartas de ver que consideran aos galegos cidadáns de segunda". "A papeleta do BNG non quere privilexios, quere xustiza e dignidade para os galegos, para iso serve a papeleta do BNG".

FRONTE AOS "PREDICADORES DO NON"

Na súa intervención, a portavoz nacional ironizou sobre os "predicadores do non", os que "pregoan que non é posible ter grupo galego forte no Congreso". "Son os mesmos que dicían que non había alternativa ao PP e hoxe é o BNG o que lle disputa a Presidencia en Galicia; os mesmos que dicían que non iamos ser a forza que máis incrementase a súa representación nas municipais e aí temos un 30 por cento máis de concelleiros por todo o país; os mesmos que dicían que non iamos facer historia en Compostela e aí estamos cunha alcaldesa do BNG liderando o goberno da capital do país", salientou.

Pontón augurou que, este 23 de xullo, o BNG "vai volver a gañar aos do si, que é posible ter un grupo galego forte no Congreso". "Abonda con que todas as persoas que votaron Bloque nas pasadas eleccións galegas e agora nas eleccións municipais volvan confiar en nós este 23 de xullo, con esa confianza imos ter un grupo galego forte con deputados por todas as provincias", sinalou.

Non en balde, Pontón explicou que "moitas veces se escoita eloxiar o papel de vascos e cataláns no Congreso", condicionando a política do Estado para mellorar a vida dos seus pobos. "Non é que sexan máis hábiles, nin que teñan mellor estratexia negociadora, o que si teñen son forzas nacionalistas con grupos fortes e usan esa forza para facerse valer. É o que quere facer o BNG, non para conseguir privilexios, senón para un trato xusto con Galicia e para acabar coa discriminación do bipartidismo de sempre", alegou.

"IMAXINADE CON GRUPO GALEGO"

Nesta liña, afirmou que "un só deputado do BNG foi máis útil para Galicia que os 22 restantes". "Imaxinade o que podemos facer cun grupo galego forte!", apelou a dirixente nacionalista, quen salientou que en Galicia "a alternativa real ao PP é o BNG, ao que lle disputa escanos no catro provincias".

"Cada escano máis do BNG é un menos do PP", asegurou Pontón, quen fixo un chamamento á mobilización porque "Galicia se xoga moito, xógase ter unha voz potente que defenda os nosos intereses alí onde se toman as decisións que nos afectan directamente".

Mitin do BNG na campaña do 23J nas Pontes (A Coruña), con Ana Pontón e Néstor Rego.. BNG
Mitin do BNG na campaña do 23J nas Pontes (A Coruña), con Ana Pontón e Néstor Rego.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta