Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2023 | Actualizada ás 18:45
A cabeza de lista ao Congreso do BNG por Ourense, Noa Presas, presentou as propostas da formación nacionalista en materia de enerxía este domingo, pondo o foco na necesidade de que Galicia teña unha Tarifa Eléctrica Galega, por ser un país produtor excedentario de enerxía eléctrica, "que permita beneficiar á cidadanía e faga que as empresas galegas sexan máis competitivas".
Segundo explican nun comunicado, reclaman tamén a reversión das concesións das hidráulicas para polas baixo control público a través da súa transferencia a Galicia e a creación dunha empresa pública e galega de enerxía.
Presas explicou ademais que a participación pública directa no sector enerxético "é algo normalizado" na contorna europea, pero o Estado español "deu para atrás polas conexións do PP e do PSOE coas eléctricas, de Aznar e González".
Así mesmo, ironizou coa situación actual do Estado español e coa Galicia "onde hai empresas públicas italianas ou norueguesas decidindo que se fai e que se deixa de facer co sol ou co vento galego". Tamén defendeu revisar as cláusulas das concesións e incorporar cláusulas sociais, ambientais ou económicas en favor dos territorios produtores.
Detallou que Galicia exportou en 2022 o 40,5% da electricidade xerada, producindo e encabezando este sector no Estado español. De feito, apuntou, segundo os últimos datos ofrecidos pola Rede Eléctrica de España (REE), Galicia produciu 14.525 GWh (64,4%) a través de fontes renovables, máis da metade da enerxía total producida.
"Galicia é produtora excedentaria neta de enerxía eléctrica e, de forma concreta, Ourense ten unha enorme potencia hidráulica, tendo máis do 50% da gran hidráulica. Por contra, isto non serviu ata agora para crear emprego en Ourense e para fixar poboación", denunciou Presas. Ante esta situación, a nacionalista defendeu a proposta da organización nacionalista para que se empezo a aplicar unha Tarifa Eléctrica Galega.
Isto contribuiría a que, a través do abaratamento das peaxes, os galegos tivesen unha tarifa máis baixa e, por tanto, Galicia poida ser "máis competitiva" e tamén ter máis xustiza social. "Non é de xustiza que, sendo Ourense unha potencia eléctrica haxa persoas que non poidan pagar a factura da luz", reivindicou Presas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.