Atrasos nos exames das oposicións ao Sergas polas retencións de tráfico na AP-53

As retencións superan os tres quilómetros e con algo máis dunha hora de espera.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2023 | Actualizada ás 11:31

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, visitou este domingo o Recinto Feira Internacional de Galicia, onde se celebraron os exames de oposición de Enfermaría, nos que participaron 8.700 opositores dos 10.101 convocados (86,1% de participación). A administración sanitaria oferta para a categoría de enfermeiro un total de 1.556 prazas (1.135 para a quenda de acceso libre, 332 para promoción interna e 89 a discapacidade xeral).

Segundo informou o departamento autonómico nun comunicado, o 67% das persoas admitidas na categoría de Enfermaría teñen actualmente vínculo activo co Servizo Galego de Saúde e, máis de 1.100 aspirantes proceden de fóra da Comunidade. Apuntan tamén que o 87% dos opositores son mulleres, e que o 16% terá que realizar o exercicio de galego ao non estar en posesión do Celga IV. No que se refire a as probas de acceso a inspector de farmacia, dos 149 aspirantes admitidos, presentáronse ao exame 113 persoas (75'8% de participación).

Oposicións en Galicia
Oposicións en Galicia | Fonte: Arquivo

ATRASOS NO COMEZO DA PROBA

Os exames das oposicións á categoría de Enfermaría do Servizo Galego de Saúde (Sergas), previstas para as 10,00 deste domingo no recinto feiral de Silleda (Pontevedra), atrasáronse debido ás retencións de tráfico na AP-53. As retencións comezaron á primeira hora da mañá, superando o tres quilómetros e con algo máis dunha hora de espera.

Debido a isto, o Sergas enviou unha mensaxe tranquilizando aos examinados e informando de que as portas de acceso ás probas non se pecharían ata que finalizasen as retencións. Ás 11,00 horas, aínda había participantes accedendo ao recinto.

A este proceso selectivo concorren ao redor de 10.000 aspirantes para 1.556 prazas, das que a gran maioría (1.135) son de acceso libre.Haberá outras 332 vacantes por promoción interna e 89 reservadas para persoas con discapacidade. Monbus habilitou un total de nove servizos especiais de autocares que sairán desde distintos puntos da Comunidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta