Beiras pide o voto para o BNG "que creceu grazas a En Marea": "Eu nunca fago axuste de contas e mira que levei hostias"

Apela a unificar o voto nacionalista fronte á "onda fascista": "Fíome máis que da esquerda española". Aconsella que se "enfunden as navallas, polo menos, dez anos" na nova alternativa que lidera Díaz, á que desexa "sorte e lucidez. Cre que En Marea fixo aumentar a conciencia nacional e que o BNG ten que ser "consciente" do transvasamento de votos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2023 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

O veterano político nacionalista Xosé Manuel Beiras, cofundador de Anova en 2012 e un dos impulsores da unidade no ámbito da esquerda, advirte da situación de "emerxencia" ante o crecemento da "onda fascista" e sitúa o próximo 23 de xullo como data clave na que "os nacionalismos emancipadores do Estado" serán "unha panca moi importante, unha división panzer moi importante" para frear "o retorno do fascismo, que é o inimigo principal".

"Eu podo fiarme máis diso, polo que vimos, que do que poida facer a esquerda española propiamente dita", manifestou nunha entrevista concedida a Europa Press con motivo da súa posición para o 23 de xullo, na que defendeu votar en clave "nacionalista", que agora está representada nas "institucións" polo BNG.

Analizadas as eleccións municipais do 28M, no que a esquerda "perdeu" (apoios) a pesar das políticas impulsadas polo Goberno "máis progresista" da democracia --que no entanto foi "incapaz de cortarlle a cabeza á serpe" por quedarse en políticas sociais, pero "moderadas--; observa que no conflito de cuestións nacionais "perdeu o chovinismo español fronte aos nacionalismos emancipadores e, especialmente, os progresistas". "E isto é un dato que non podo deixar de ter en conta", referiu.

Beiras non mencionou ao BNG de forma expresa, pero foi claro ao referirse á "presenza dese nacionalismo social, ideolóxico, cívico, nas institucións parlamentarias", en clara alusión ao Bloque, organización política que tamén contribuíu a fundar e da que se escindiu en 2012. Neste punto, fixo un inciso para destacar os resultados das mareas municipalistas o 28M, que permiten ser "chave" en gobernos progresistas con máis de 70 edís nas corporacións locais.

Para Beiras, "o baluarte do que pode ser o segmento decisivo nestas eleccións está fóra da España estrita, está no nacionalismo emancipador galego, euskaldún e catalán". "O combate agora é contra o proceso de fascistización", aseverou, ao longo da entrevista con Europa Press: "O retorno do fascismo é o inimigo principal".

UNIÓN DA "CUESTIÓN NACIONAL"

Así as cousas, aínda que "esoutro fragmento" do nacionalismo organizado podería presentarse, para el non é unha opción neste momento. "Se estou a dicir que é fundamental que a esquerda non se divida, que se articule como acaban de acordar os de Sumar --benvidos sexan, aínda que sexa tarde, mal e arrastras--, tamén teño que facer a mesma posición con respecto á cuestión nacional", advertiu.

Así, sinalou que el non pode "contribuír" a que "aparezan opcións nacionalistas minoritarias, que se cadra o único que fan é restar votos ou ter votos inútiles, cando é necesaria a unidade".

Por iso, conveu que "é preferible xuntar eses apoios a quen está presente nas institucións con certo peso e que pode crecer, pero naturalmente non é un voto en branco". "Eu como cidadán nunca lle dei un voto en branco a unha opción política. Votaba e logo vixiaba se cumpría; e se non cumpría, castigaba ou denunciaba", remarcou.

ONDA "FASCISTA E NEOFRANQUISTA"

Beiras contextualiza a súa postura no auxe da onda "fascista e neofranquista" de Vox e o PP, liderado por un Alberto Núñez Feijóo, a quen lle dedica as mesmas palabras que no peche do último debate do estado da autonomía no que se viu cara a cara con el: "Como presidente só inspírame desprezo e como persoa, conmiseración".

"Vox sobre todo e o PP agora, que está botado ao monte, son dúas ramas do fascismo do Estado español. Uno o fascismo filonazi e o outro fascismo franquista ou neofranquista que é o PP, polo menos, a cúpula e cadros de poder", manifestou

Xosé Manuel Beiras, histórico dirixente nacionalista, en xuño de 2023
Xosé Manuel Beiras, histórico dirixente nacionalista, en xuño de 2023 | Fonte: Europa Press

Nestas claves explica a súa postura para as eleccións do 23J: "Os que fomos nacionalistas e fómolo sempre, e nunca deixamos de selo, aínda que en etapas determinadas adoptásemos opcións tácticas heterodoxas respecto da ortodoxia dominante, se consideramos que os nacionalismos tanto vasco como galego non só resistiron, senón que progresaron --aí vese que a cuestión nacional é un antídoto moi importante que funciona moito máis que a visión de clase fronte ao fascismo--, o que teño que facer é situarme aí".

YOLANDA DÍAZ E SUMAR

Beiras saudou o acordo entre as esquerdas "españolas", opción política que non é a súa actualmente. "Nunca falei mal de Yolanda (Díaz), negueime. Non lle dou munición ao meu inimigo principal", advertiu, en relación ás análises políticas que o mencionan actualmente a raíz do proceso negociador de Sumar e Podemos.

"Deséxolles moi boa sorte e lucidez e serenidade e que enfunden as navallas, polo menos, ata dentro de dez anos. Uns e outras, non é só un individuo, é do colectivo", sentenciou.

EN MAREA

En referencia a En Marea, Beiras afirmou que "se desgraciou --'esmendrellouse'-- por culpa de En Marea, non dos votantes de En Marea". "Esa é a responsabilidade que temos e non me boto fóra, aínda que eu fixen o imposible por evitalo", manifestou.

Pero á pregunta de se considera que a irrupción desta opción política que aglutinou durante unha década unha pata nacionalista coa esquerda federal contribuíu a aumentar a 'conciencia nacional', responde cun "si" rotundo. "Si, si o fixo, fixo que moitos cidadáns que votaban a opcións de ámbito estatal, na medida que recoñecían os dereitos nacionais de Galicia, primeiro votaron a AGE e logo mareas municipais e logo a En Marea", asegurou.

Así, analizou que isto fixo que moitos cidadáns pasasen "a fronteira", o cal permitiu tamén ao BNG a súa subida. "O BNG ten que ser consciente de que o gran salto que tivo nos últimos anos foi polo desastre de En Marea, que foi consecuencia primeiro das disputas dentro dos órganos de dirección de En Marea, mesmo polos propios indíxenas e da traizón do incumprimento dos acordos da esquerda federal con Unidos Podemos nas Cortes".

"Pero debe de ser consciente de que ese voto foi o que lle deu o salto: pasou de votar En Marea a votar ao BNG, o que demostra que era voto nacionalista, non era voto españolista, senón votasen ao PSOE ou Unidos Podemos", manifestou Beiras, quen dixo que "non é o momento" de abordar esta cuestión: "Eu nunca fago axuste de contas e mira que levei hostias, eh!".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Pobre Csosé

Mira que levou hostias di o que nunca lle contestaron as señoritingadas

1 Loisc

E logo En Marea a costa de quen medrou?

2 Gamela

Corría o ano 2015 (daquela o BNG chamábase Nós) e EnMarea tirou 6 deputados con 408.000 votos (do BNGuay non serían ou?) https://resultados.elpais.com/elecc...