Así será o calendario escolar 2023-2024

Arrincará o 11 de setembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2023 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes o calendario do curso escolar 2023/2024, que arrincará o luns 11 de setembro para todas as etapas nos centros sostidos con fondos públicos.

Coa orde publicada queda ratificada o calendario pactado o pasado 16 de abril entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, cos sindicatos CIG, CCOO, ANPE, nunha reunión da mesa sectorial que modificou un calendario no que fixaba o inicio do curso para o 8 de setembro.

Así as cousas, o curso 2023/24 durará do luns 11 de setembro ao venres 21 de xuño, excepto para os ensinos de réxime especial nin tampouco para 2º de Bacharelato, que depende das datas da ABAU.

As vacacións de Nadal irán do venres 22 de decembro ao domingo 7 de xaneiro de 2024, ambos os incluídos; o Entroido será do luns 12 ao mércores 14 de febreiro; e a Semana Santa irá do luns 25 de marzo ao luns 1 de abril, este último incluído. Así mesmo, como día non lectivo queda establecido o Día do Ensino, fixado o xoves 7 de decembro de 2023.

CONMEMORACIÓNS

Así mesmo, a orde de Educación tamén establece o calendario de conmemoracións nos centros escolares, que arrincará o 20 de novembro co día da Infancia, ao que seguirá o 25 do mesmo co día contra a violencia de xénero.

Do 28 de novembro ao 5 de decembro será a semana da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia, o 3 dese mes o día das persoas con discapacidade, o 10 o dos Dereitos Humanos. En xaneiro terán lugar o día da Educación (24) e o día da Paz (30), mentres que en febreiro celebrarase o día de Rosalía (23).

Para marzo quedan o Día da Muller (8) e a semana da prensa (do 4 ao 8), para abril o día das Artes Galegas (1), o da Saúde (7) e a semana do libro (22 ao 26). O 2 de maio conmemorarase nos centros o día contra o acoso escolar, o 9, o día de Europa, e do 13 ao 17 a semana das Letras Galegas.

O calendario de conmemoracións pecharase o 5 de xuño co Día Mundial do Ambiente. A todas estas sumaranse as actividades organizadas en torno as celebracións internacionais relacionadas co recoñecemento dos dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuales.

Varios nenos e nenas entran ao CEIP Manuel Mallo de Nadela
Varios nenos e nenas entran ao CEIP Manuel Mallo de Nadela | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta