Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2023 | Actualizada ás 17:16
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a resolución pola que a Xunta convoca por primeira vez axudas de ata 18.000 euros para contratar persoal coidador de gando extensivo co fin de protexer aos rabaños máis vulnerables e susceptibles de ataques de lobo.
Durante unha visita a unha explotación ovina de Dozón, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, recalcou que "a prevención é unha ferramenta imprescindible para compatibilizar a gandaría coa presenza e conservación desta especie en Galicia".
A conselleira apuntou que esta liña de axudas (que conta cun orzamento inicial de case 180.000 euros, ampliables, para 2023 e 2024) ten como obxectivo axudar ao sector gandeiro extensivo na contratación de persoal para tarefas de pastoreo e manexo de reses, e protexer aos rabaños máis sensibles.
O prazo de solicitudes ábrese este sábado e será dun mes. Os beneficiarios terán ata o 4 de decembro para xustificar a axuda deste ano, e ata o 30 de xullo do ano que vén para xustificar a anualidade de 2024.
Poderán beneficiarse desta iniciativa os titulares de explotacións de gañado aovino, bovino, caprino e equino, que figuren inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia (REGA). A axuda máxima será de 1.500 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa; en caso de duración inferior, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á xornada, cun límitre de 9 euros por hora traballada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.