O acordar de Eureka

Nesta sesaxésima entrega de 'Viaxes sen Lee', o oneironauta Gabriel Rei-Doval acorda en Eureka baixo os efectos do Grande Espírito Yokut. As claves do triángulo inscrito na circunferencia, ainda encriptadas, comezan a revelarse.

Por Gabriel Rei-Doval | Eureka (California, USA) | 13/05/2023 | Actualizada ás 10:13

Comparte esta noticia

Pola tarde recuperei o rumbo sur da Highway 101. Co sol a bater no meu cristalino automobilístico dirixinme a Eureka, o centro histórico máis refractario ó feísmo daquela ruta occidental. O serán pisábame os talóns cara ó centro madeireiro e artístico da California norteña.

Detalle do Arkley Center en Eureka (California)
Detalle do Arkley Center en Eureka (California)

Conta a lenda yokut dos indios penutianos que tras un longo diluvio as terras do oeste ficaron asolagadas por un tempo; ata que alí chegaron unha emprendedora aguia e un esforzado corvo negro. Empoleirados no chanteiro dun carballo, ámbolos paxaros comezaron a formar terra sobre as augas. Somerxíanse a diario na procura de sustento con pesca de mergullo. A aguia conseguiu a axuda dun parrulo pardo ó intercambiaren lama do leito mariño por peixe fresco e a súa braña acabou sendo meirande ca a do corvo; velaí como xurdiron as montañas de Serra Nevada e as terras baixas da costa de California. Por eses vieiros córvidos da costa estaba a transcorre-la miña ruta automobilística.

Co sol xa languidecente tomei o desvío da 101 ata a zona vella de Eureka e comprobei por min mesmo a restauración esmerada das súas mansións vitorianas e sobranceiros teatros decimonónicos. Admirei a beleza do Arkley Center for the Performing Arts e sentín unha atracción poderosa pola súa simetría senlleira.

A cea oriental permitiume degusta-los aromas e sabores dese lugar onde nace a luz. Gocei da paella chinesa de gambóns nunha mesa redonda onda a xanela, rodeado de mozos falangueiros, eles interesados nas curvas das garotas próximas, eu nas liñas esveltas da arquitectura decimonónica. Na Ría de Humboldt abofé hai sitio para todos arredor dun clima morno e estable ó longo do ano.

Xa no coqueto hotel do casco histórico, tomei un tempo para practicar anapana na butaca granate onda a xanela, e Pedro Chosco comezou a amolarme coa súa dozura insistente de voz grave. A cama king size semellaba un océano inabarcable para unha noite solitaria e apenas lembro pousa-la cabeza nas moles almofadas.

Fachada principal do Arkley Center for the Performing Arts en Eureka
Fachada principal do Arkley Center for the Performing Arts en Eureka

De súpeto vinme na porta do Arkley Center accedendo en solitario a unha enorme sala octogonal de representacións teatrais. A entrada no peto esquerdo da chaqueta negra de pana sitoume fronte ó escenario, no medio da terceira fila. De vagariño foron chegando máis espectadores, que encheron as ringleiras de atrás e deixaron libres as dúas de diante. Daquela, o aforo do teatro achicouse e, cada vez máis estreito, foise abombando ata formar un semicírculo entre o escenario e a liña onde eu estaba. 

Entón saíu a escena un xigante escuálido calvo de ollos semiafundidos para anuncia-la función. Formouse un canón de luz no centro e xurdiron Rob, Chuck e Jodie representando unha regueifa abismal con diálogos embravecidos. Chuck baixou do escenario pola escaleira esquerda e sentou á miña esquerda. Ó miralo, fóiselle formando un terceiro ollo entre as cellas. Fitoume e repetiu tres veces con voz pausada “the owls are not what they seem” e, xa en galego, engadiu: “vémonos en Santa Fe”. Daquela voltou ó escenario mentres se lle extinguía o terceiro ollo.

O espectáculo continuou mentres o teatro volvía ó seu estadio octogonal. Jodie e Rob lanzábanse mutuamente dardos luminosos de variadas cores mentres a el lle xurdía cornamenta de muflón e a ela lle asomaban afiados canteiros vermellos baixo o labio inferior. Un estrondo espectral enxordeceu a sala, Chuck desapareceu da escena e Jodie e Rob ficaron petrificados en figuras multicor. O canón de luz que iluminaba o escenario comezou a parpadear e un cheiro a corno queimado invadiu a sala mentres todo quedaba ás escuras. Xurdiron tres feixes de luz formando un triángulo perfecto e, como saíndo do subsolo, tomaron forma un corvo, unha curuxa e un parrulo, unidos por unha circunferencia de luz.

Espertei no mesmo recuncho esquerdo da cama onde me deitara a noite anterior co resto do leito impoluto e entrou o guasap de Chuck: quería conversar comigo. En lugar de responderlle de contado optei pola serena luz vipassana onda a xanela, ó abeiro do Grande Espírito Yokut. O guieiro dos soños fixérame acordar xusto alí, na luminosa Eureka.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA