A plataforma 'Nunca máis' pide ao Goberno información sobre os episodios contaminantes verificados fronte ao litoral galego

Remitiu un documento ao Goberno central, coincidindo co 20 aniversario da manifestación en Santiago en contra da catástrofe do Prestige, sobre "os asuntos pendentes, aínda sen resolver, e os temas importantes para que outro Prestige non sexa posible"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2022 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

A plataforma Nunca máis remitiu un documento ao Goberno central, coincidindo co 20 aniversario da manifestación en Santiago de Compostela en contra da catástrofe do Prestige, sobre "os asuntos pendentes, aínda sen resolver, e os temas importantes para que outro Prestige non sexa posible".

O portavoz da plataforma, Xaquín Rubido, sinalou este xoves en Santiago que "grazas ás mobilizacións do Nunca máis conseguíronse grandes melloras en salvamento marítimo, tanto no ámbito normativo como nos medios de protección", pero que "segue habendo un problema estrutural co tráfico diante das costas".

Deste xeito, sinalou que en 2021 pasaron fronte ás costas galegas "uns 35.000 buques, dos cales aproximadamente o 35 % eran de mercadorías perigosas".

Rubido denunciou "a falta de transparencia" e insistiu en que "a sociedade ten que ter información para poder reclamar". Así, o documento remitido ao Executivo central pide "que se fagan públicos os lugares refuxio existentes no litoral galego, así como os correspondentes Plans de Acollida para buques necesitados de asistencia".

AS RECLAMACIÓNS DE NUNCA MÁIS

Nesta liña, Nunca máis reclamou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que traslade información sobre os episodios contaminantes detectados e verificados fronte ao litoral galego, os buques identificados en cada caso e os expedientes sancionadores, entre outros.

Ademais, a plataforma reivindicou a necesidade de que o Goberno central "consensúe e elabore unha nova normativa legal" que articule os "comités de xestión de catástrofes con criterios de independencia e solvencia técnica e administrativa".

Deste xeito, insistiuse en que as competencias en materia de salvamento marítimo e a loita contra a contaminación mariña "deberíanse de transferir á Comunidade". Tamén subliñou a necesidade de prohibir ou dificultar o recurso ás "bandeiras de conveniencia".

Ademais, a plataforma reclamou que "se volva a baixar ao pecio", xa que "se descoñece o nivel de corrosión da estrutura do buque e o nivel de resistencia dos materiais usados para o selado das 15 brechas detectadas".

Representantes da plataforma Nunca máis este xoves en Santiago de Compostela
Representantes da plataforma Nunca máis este xoves en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta