Tsunamis do corazón

Nesta quincuaxésimo quinta entrega de Viaxes sen Lee, o navegante emocional Gabriel Rei-Doval bate de novo con fortes enerxías telúricas na costa do Pacífico

Por Gabriel Rei-Doval | Newport (Oregón, USA) | 20/11/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

As lendas orais nativoamericanas fálannos de tsunamis reiterados na costa noroeste do Pacífico. A natureza telúrica da zona converte os maremotos locais en esperables, consonte as sinerxias da placa tectónica Juan de Fuca e a zona de subdución Cascadia. Na fronteira entre Oregón e California, a cincuenta quilómetros da costa, enerxías poderosas adormecidas poden espertar en calquera momento. E alí estaba eu para comeza-lo mes de novembro en ronsel automovilístico polo Pacífico.

O peirao de Newport en Yaquina Bay
O peirao de Newport en Yaquina Bay

O risco de tsunamis era visible na cartelería turística de Yaquina Bay, coñecida asemade polos seus invernos inclementes. Xa en 1778 o Capitán Cook tivera que agardar día e noite mar adentro antes de atracar na baía durante a súa exploración costeira, un século antes de instalarse alí o primeiro faro do noroeste estadounidense.

A miña chegada con Auris pola Pacific Coast Highway 101 foi vagarosa. Parei no parque estatal onda a ponte art déco que conecta ámbalas bandas da ría; unha infraestrutura singular inaugurada en setembro de 1936, mentres a Galicia franquista fondeaba Alberto Martínez Tíscar na ría de Pontevedra. Dúas rías e dous destinos distintos. En Portonovo liquidaban demócratas; en Newport os demócratas comunicaban as dúas bandas da ría.

Algúns tsunamis son físicos, outros zarandean a alma humana, mais todos teñen o mesmo poder devastador. E onda a ponte sobre a Ría Yaquina xurdiu Amalia, mexicana de Hidalgo con ollos acibeche, media melena bubinga e vocación ensinante no Instituto de Newport. Os seus alumnos eran maiormente guatemaltecos e mexicanos bilingües. “No noso Portonovo -díxenlle con sorna- o goberno gusta do bilingüismo harmónico”. “O Concello de Newport -retrousou- está orgulloso do patrimonio hispano de Oregón, pero a competición co inglés nada ten de harmónica”. “En Galicia si” -retruqueille- “o noso goberno deixa que o español liquide o galego con equilibrada harmonía”.

Baixamos ata o vistoso peirao e aparcamos onda Bay Boulevard. Alí atopamos Dan con sorriso Duchenne e ollar verde esmeralda fita-los leóns mariños a berrar no peirao. O seu avó Bob naufragara despois de unha balea levantar no aire a súa embarcación en noite de treboada, e seu pai John apañara carbón na costa sur de Oregón. Dan criara a familia co seu soldo de municipal ata que un tándem de ictus e infarto o obrigara a reinventarse como inspirational speaker. O seu perenne entusiasmo resistira os tsunamis humanos que lle abanearan a vida sen compaixón. “Mira as sombras das nubes” -dixo mentres o azul verdoso da ría se lle chafullaba no cristalino- “as nosas sombras tórnanse resistentes cando as proxectamos no veciño en lugar de deixalas correr”. 

A ponte sobre Yaquina Bay na costa de Oregón
A ponte sobre Yaquina Bay na costa de Oregón

“A cultura do meu país -dixen- é experta en sombras; témolas de varios tipos: negra sombrasombra cazadora e mesmo sombra do aire na herba. Quizais porque estamos afeitos a neboeiros frecuentes, ou se cadra porque a baixa frecuencia de tsunamis físicos nos leva a crealos no eido humano”. “Galicia -continuei- podería ser unha luz no Atlántico, mais preferimos vivir á sombra como galegos, no noso particular bonsai atlántico”. “Aquí, na inmensidade do Pacífico -retrucou Dan- as capacidades non as publicitamos: exercémolas.

Dan vivira tsuamis en corazón e mente, coma se un e outra fosen dous cabos da mesma costa. "Segregarmos ambos órganos -afirmou- empúrranos a allea-la nosa esencia. Mais servir e protexe-los demais, en lugar de machucalos con arrogancia estéril, arrédanos das sombras" -remachou mentres o seu iris reflectía o arco da vella sobre a liña do Pacífico.

Quizais Galicia agarde inerte a réplica do tsunami de 1755 mentres na fronteira entre Oregón e California todo estea preparado para calquera maremoto. Os tsunamis semellaban en Newport experiencias persoais coas que superar perigos e secuelas. Mais os tsunamis no corazón da Nosa Terra, metafóricos e colectivos, manan dun individualismo parroquiano estancado que lastra as nosas vidas e pexa o desenvolvemento nacional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA