Verín celebra o seu particular 'Oktoberfest'

Nesta festa, que terá lugar os vindeiros días 7, 8 e 9 de outubro, poderanse degustar máis de 20 cervexas nacionais e internacionais, ademais dunha completa selección de produtos gastronómicos alemáns e galegos. No apartado de concertos estarán 'Guezos' e 'La Banda de Ayer'.

Por Galicia Confidencial | Verín | 05/10/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Festa da Cervexa de Verín chega á súa segunda edición e contará con máis de 20 variedades de cervexas nacionais e de importación, e 9 postos de alimentación nos que poder degustar a gastronomía galega e alemá. Non faltarán tampouco as actuacións musicais de primeiro nivel e as propostas de entretemento para a cativada.

Presentación da Festa da Cervexa na Casa do Concello de Verín. Foto: Dpto. Prensa
Presentación da Festa da Cervexa na Casa do Concello de Verín. Foto: Dpto. Prensa

A programación oficial do evento foi presentada días atrás por Gerardo Seoane Fidalgo, alcalde do Concello de Verín; Emilia Somoza Basalo, concelleira de Educación, Cultura e Festexos e Manuel Lorenzo Feijoó, concelleiro de Transportes, Feiras e Hostalería.

"Tras o éxito da primeira edición, con máis de 4.500 asistentes, acollemos unha nova edición desta festa que esperamos se converta noutra das datas indispensables da nosa completa axenda cultural", explicou Gerardo Seoane. Este ano o evento realizarase xa sen ningún tipo de restrición covid pero, por seguridade, limitarase o aforo a un máximo de 2.500 persoas.

O evento terá lugar na zona verde da Preguiza e contará cunha carpa de 20x80 metros na que estarán colocados os postos de bebidas e alimentación. O horario da feira será o venres de 19.00 a 01.00 h; o sábado de 12.00 a 16.30 h e de 19.30 a 01.30 h e o domingo de 12.00 a 20.00 h.

A cita contará con acompañamento musical tanto dentro como fóra da carpa. O sábado e domingo, ao mediodía, actuará a Banda de Gaitas do Concello de Verín. Os grupos “Guezos” e “La Banda de Ayer” serán os pratos fortes musicais programados para as noites da Feira. "Tampouco nos esquecemos dos mais pequenos da casa, que poderán desfrutar o domingo 9 co espectáculo infantil 'Cómicos da legua na raia seca' da compañía Viravolta Títeres e tamén con divertidos inchables durante toda a fin de semana", comentaba a concelleira de Cultura e Festexos, Emilia Somoza.

ACTUACIÓNS MUSICAIS E INFANTÍS

Os pratos fortes musicais terán lugar o venres 7 e o sábdo 8 ás 22:30 horas, con dúas actuacións musicais gratuítas e de primeiro nivel. 

O venres 7 será a quenda de “Guezos”, grupo rock-pop-folk ourensán nacido en Ourense no ano 2000; e o sábado 8 amenizará a festa a “La Banda de Ayer”, unha orquestra que aposta por un formato diferente e que ofrece música Pop e Rock dos anos 80, 90 e 2000.

Por último, o domingo 9, a festa da cervexa acollera o espectáculo infantil Cómicos da legua na raia seca da compañía Viravolta Teatro. Cómicos da legua é un espectáculo que achega as formas tradicionais da arte escénica popular europea que viaxaron a través das peregrinaxes, desde a Idade Media ata a actualidade . 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta