Cales son os mellores métodos para combater a vespa velutina?

Científicos galegos poñen a proba, con éxito, arpas eléctricas para protexer as colmeas de abellas dos ataques da avespa asiática. Investigadores portugueses apuntan a varias especies de aves para reducir as poboacións de velutina.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/09/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

durante os primeiros seis meses deste ano, en Galicia foron retirados 2.238 niños de vespa velutina, unha especie asiática invasora que entrou en Europa por Francia en 2004 e que se introduciu no territorio galego en 2011, até colonizar case a totalidade do país, con importantes impactos negativos na biodiversidade, na apicultura e na saúde humana. Desde entón, científicos e apicultores veñen probando distintos métodos para combater esta avespa, algún con certo éxito, outros con pouco ou ningún, como as trampas de cebo, un remedio caseiro que se popularizou pero que se demostrou ineficaz para controlar a velutina. Porén, as arpas eléctricas parecen ser un bo método contra este feroz cazador de insectos polinizadores, como as abellas.

Arpa eléctrica como método de captura da vespa velutina
Arpa eléctrica como método de captura da vespa velutina | Fonte: Rojas-Nossa, S.V., Dasilva-Martins, D., Mato, S., Bartolomé, C., Maside, X. and Garrido, J. (2022), Effectiveness of electric harps in reducing Vespa velutina predation pressure and consequences for honey bee colony development. Pest Manag Sci.

Científicos do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo (UVigo) e do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) demostraron a eficacia das arpas eléctricas para protexer abellas melíferas dos ataques da velutina. Fixérono nun experimento realizado durante catro meses en tres apiarios situados en Gondomar, Oia e O Rosal, nos que colocaron 36 colmeas tipo Langstroth (12 colmeas por apiario).

Os exemplares de velutina representaron máis do 90% dos 4.359 insectos capturados con arpas eléctricas nos experimentos realizados en colmeas de abellas en Galicia

En cada apiario, seis colmeas foron protexidas da depredación da velutina con arpas eléctricas e as outras seis deixáronse sen protección. Basicamente, as arpas eléctricas teñen unha forma rectangular cuxos fíos de metal, dispostos de xeito paralelo e verticalmente, levan unha carga eléctrica. A separación entre os mesmos permite pasar as abellas, de menor tamaño, pero non a vespa velutina, que recibe unha descarga eléctrica, paralizándoas durante uns segundos e caendo nunha gaiola debaixo con paredes de malla que permiten escapar insectos máis pequenos; entón, as avespas arrastráronse pola gaiola ata caer nunha botella colectora, onde quedan atrapados.

As arpas eléctricas mostráronse como unha boa ferramenta para protexer as abellas, reducindo a presión da depredación das avespas asiáticas: “Neste estudo, observamos que en colmeas situadas en lugares con grande abundancia de vespa velutina, cunha liña compacta de colmeas (separación de 20–30 centímetros entre elas) e unha arpa entre dúas colmeas consecutivas, a redución da presión cinexética foi significativa, pero aínda non suficiente, para lograr unha depredación nula. Polo tanto, en zonas moi invadidas, este método de control debería implantarse en conxunto con medidas adicionais, como a detección e destrución de niños de velutina na contorna dos apiarios para reducir o número de cazadores e as súas consecuencias prexudiciais sobre o rendemento e supervivencia das colonias de abellas melíferas”, salientan os autores do experimento.

Avespa velutina ataca unha abella
Avespa velutina ataca unha abella | Fonte: Danel Solabarrieta en Flickr.

Ao comparar as colmeas protexidas con este aparello coas que non o estaban, os investigadores puideron comprobar que a actividade das abellas, a cantidade de pole, o número de crías e o peso corporal das obreiras eran maiores nas colonias protexidas que, á súa vez, mostraron unha maior supervivencia invernal que aquelas que estaban desprotexidas, especialmente nos sitios con niveis de depredación intermedios e altos. Ademais, as arpas eléctricas demostraron ter unha boa selectividade na captura de insectos.

Detalladamente, os exemplares de avespa asiática representaron máis do 90% dos 4.359 insectos capturados coas arpas eléctricas. E, en xeral, as capturas de velutina foron significativamente superiores ás capturas doutras especies. Polo tanto, a selectividade das arpas foi alta, a diferenza do que acontece, por exemplo, coas trampas cebo.

A supervivencia invernal foi do 77,8% para as colonias de abellas protexidas con arpas eléctricas e do 55,6% para as non protexidas

As colmeas de abellas protexidas con este aparello mostraron un 88,8% menos de presión de depredación das velutinas que as colmeas non protexidas, demostrándose a súa eficacia. De feito, as colmeas desprotexidas tiveron menores ingresos de pole traído polas recolectoras, a cantidade de cría presentaba niveis máis baixos nas colmeas non protexidas e as abellas obreiras das colmeas sen protección eran un 6,7% máis pequenas en peso. Os investigadores galegos salientan que o menor peso corporal das obreiras das colonias desprotexidas “proporciona unha nova evidencia do estrés fisiolóxico que sofren as abellas melíferas baixo esta nova ameaza”.

En canto á supervivencia invernal, foi do 77,8% para as colonias protexidas e do 55,6% para as colonias non protexidas e, nestas últimas, foi menor nos sitios con presión de caza intermedia e alta.

“Os nosos resultados revelaron que, ademais do baixo almacenamento de recursos alimentarios, hai dous factores detrás das mortes invernais de colonias de abellas melíferas desprotexidas: unha deficiencia nos niveis nutricionais dos adultos invernantes e un número reducido de obreiras”, explican.

MÁIS EFICAZ CA OUTROS MÉTODOS

Cos datos dos experimentos na man, os investigadores galegos afirman que as arpas eléctricas como método para protexer as colonias de abellas melíferas da depredación da velutina “reduce significativamente a presión de caza fronte ás colmeas”.

“Ao comparar colonias protexidas e non protexidas, tamén detectamos diferenzas no comportamento de alimentación, ingresos de recursos, cantidade de crías e adultos e peso corporal das obreiras. Como consecuencia da presión da caza, as abellas melíferas entran no inverno con menor almacenamento de alimentos, unha poboación reducida e individuos desnutridos. Así, a supervivencia invernal das colonias está en perigo, o que leva a maiores taxas de morte das colonias de inverno para as colonias desprotexidas”, explican.

Para estes científicos, as arpas eléctricas mostráronse máis eficaces ca outros métodos de control da velutina, cun efecto protector sobre os comportamentos naturais das abellas necesarios para a súa supervivencia e o mantemento da saúde das colonias.

O estudo tamén reflicte outros resultados curiosos, Xeralmente, pénsase que a vespa velutina se desenvolve peor a maior altitude. Así, neste estudo os científicos agardaban “atopar un gradiente de presión de depredación dos avespas que reflicte as condicións altitudinais”. O apiario situado na cota máis alta (Oia) presentou niveis de depredación intermedios en comparación co de Gondomar, situado a media altitude; porén, “contra o previsto”, din, o apiario situado a menor altitude (O Rosal) presentou a menor taxa de depredación.

O maior problema para a instalación de arpas eléctricas nos apiarios é que supón un importante investimento económico inicial para os apicultores

Os investigadores apuntan, ademais, a que en apiarios con baixas taxas de depredación, as abellas melíferas son máis capaces de facer fronte ao depredador e o uso de arpas eléctricas é útil para reducir a depredación a niveis insignificantes. Non obstante, apuntan, “nos lugares onde a época de floración é máis curta e o inverno é máis longo e con temperaturas máis baixas (como en Oia, o lugar de maior altitude do estudo), as taxas intermedias de caza conducen a unha menor supervivencia das colonias nas colmeas protexidas e, sobre todo, nas colmeas non protexidas”.

O maior problema para a instalación de arpas eléctricas nos apiarios é que supón un importante investimento económico inicial para os apicultores que depende do número de arpas necesarias e do seu prezo comercial. Aínda que se suxire instalar cando menos unha arpa cada dúas ou tres colmeas, os investigadores da UVigo e USC recoñecen que “probablemente sexa inasumible para os grandes apiarios”, xa que necesitarían un número elevado destes aparellos”, ademais de supoñer un investimento en tempo extra para manter estes sistemas.

AVES CONTRA A VELUTINA

Paralelamente, científicos de Portugal, do Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária e do Centro de Investigação e de Tecnologias Agro-Ambientais e Biológicas da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, fixeron unha revisión dos predadores vertebrados naturais da vespa asiática (velutina) e daqueles que, por se alimentaren da vespa europea (vespa crabro), poden ser considerados consumidores potenciais da primeira. Nese traballo, salientan o papel que poden xogar o miñato abelleiro, ave de rapina especializada na captura de insectos, e o abellaruco, paxaro insectívoro para o que as abellas constitúen a súa principal fonte de alimentación.

Para os investigadores portugueses, estas dúas especies son “potencialmente os predadores vertebrados máis importantes da vespa asiática, sexa porque son especialistas en insectos da suborde Apocrita ­–que inclúe as avespas, abellas e formigas–, sexa porque para eles existe considerábel información sobre a súa ecoloxía trófica”.

De feito, estes científicos apuntan principalmente ao abellaruco, xa que existen evidencias, “froito dun estudo realizado en 2021”, de que este paxaro captura velutinas, “mais descoñecemos aínda a importancia deste consumo”, apuntan.

Evidencias recollidas en Galicia e Portugal apuntan a que o miñato abelleiro e o abellaruco poden ser importantes depredadores da vespa velutina

Sábese que a dieta do abellaruco en Europa está composta en parte por abellas melíferas e abellóns, capturando as súas presas xeralmente no ar. Con todo, a composición da dieta deste paxaro varía entre rexións.

En 2021, un estudo doInstituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária portugués descubriu que tanto a vespa europea como a asiática eran parte das presas do abellaruco. Foi, segundo os investigadores lusos, a primeira vez que documentou en Europa a captura de vespa velutina polo abellaruco, especie que, aínda que abunda menos que noutras zonas da Península Ibérica, tamén está presente en Galicia.

En canto ao miñato abelleiro, esta ave rapaz migratoria ten unha presenza histórica en Galicia. Aínda que se descoñece o impacto real das súas capturas de velutinas, un estudo publicado en 2019 calculou nunhas 700 parellas a poboación desta ave no territorio galego e con capacidade de destruír miles de niños de velutina.

Os resultados daquelas observacións indicaban que as larvas de avespa asiática representaban máis do 50% das presas achegadas nos niños estudados de miñato abelleiro en Galicia. Os científicos expoñían: “Detectamos un aumento do número de parellas reprodutoras de abelleiro europeo e do seu éxito reprodutor na zona de estudo desde a chegada da avespa asiática. Se estes resultados se confirman, estamos ante un descubrimento relevante que demostra que esta rapaz nativa está a responder á presenza da praga e estase especializando no seu consumo. O abelleiro podería ser un aliado importante no control da avespa asiática”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta