Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 07/07/2022 | Actualizada ás 13:23
O pleno da Coruña ampliou as zonas de liberdade horaria a Monte Alto, prazas de Lugo e de Galicia e o espazo entre as rúas Linares Rivas e Ramón de la Sagra, que se suman á declaración de Zonas de Gran Afluencia Turística, que xa incluía a Cidade Vella, a zona centro e a contorna de Riazor e Torre de Hércules. Esta solicitude aprobouse cos votos en contra de BNG e Marea.
O portavoz do Goberno local, José Manuel Lage Tuñas, explicou que esta declaración "non obriga" a cambiar horarios. "É algo voluntario e unha ferramenta para que os propios comerciantes poidan aproveitar os períodos de gran facturación", detallou. A concelleira do PP Nazareth Cendán Gayoso pola súa banda, puntualizou que a pesar do voto a favor do seu partido esta solicitude está "sustanciada polas peticións do comercio local, que non pequeno".
O portavoz do BNG, Francisco Jorquera, xustificou a súa negativa argumentando que esta solicitude conta cunha "rotunda oposición das tres centrais sindicais" que achegaron "informes desfavorables" por considerar que esta declaración "agrava as condicións laborais dos traballadores e favorece os grandes establecementos".
O representante de Marea Atlántica Alberto Lema engadiu que a súa formación aposta por unha cidade "feita para as persoas e non só para o turismo" por considerar que esta ampliación horaria vai "en contra da conciliación laboral e familiar".
Os períodos contemplados para a ampliación horaria son Nadal, entroido, Semana Santa e verán. En todo caso, segundo reiterou Lage Tuñas, trátase dunha competencia de ámbito autonómico e é a Xunta de Galicia a que ten "a última palabra".
OUTROS ASUNTOS
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, comezou o pleno lendo unha declaración institucional de apoio ao colectivo LGTBI e facendo unha mención a Samuel Luiz, asasinado o 3 de xullo do ano pasado dunha malleira ao berro de '"maricón" nas inmediacións do paseo marítimo.
Por outra banda, na sesión plenaria aprobouse a modificación do orzamento do Instituto Municipal de Coruña Espectáculos (IMCE) cunha ampliación de 822.665 euros, cos votos a favor de todas as formacións políticas excepto do Partido Popular, pero con críticas á xestión cultural por parte de cada unha delas.
Os representantes políticos coincidiron en destacar que a cultura "a fan as persoas". Valoraron positivamente o financiamento destinado a "programación" e a "mantemento e modernización" dos edificios, pero incidiron na importancia de defender os "dereitos laborais dos traballadores".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.