Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/04/2022 | Actualizada ás 18:10
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu ao BNG que "non se pode ser ambivalente" ante a invasión rusa e "uns crimes" contra "persoas inocentes", á vez que recoñeceu que lle causa "preocupación" a actitude do "partido máis importante da oposición en Galicia".
"A ambivalencia ante asasinatos de poboación civil, a ambivalencia ante a destrución masiva de hospitais, a ambivalencia ante unha guerra ilegal sempre nos preocupa. Preocúpame e preocúpame que o partido máis importante da oposición en Galicia teña esa postura ambivalente", dixo.
Tras a reunión semanal do seu Executivo, Feijóo afeou ao Bloque "dicir unha cousa e a contraria" e pronunciarse en distintos sentidos "en función da Cámara". Tamén lamentou que interfira ou evite "condenas ou declaracións institucionais" que si pactan PPdeG e PSdeG.
Feijóo engadiu que lle preocupa porque o BNG "ten representación", aínda que se mostrou convencido de que "este tipo de ambivalencias non teñen apoio social". "Cando un partido se afasta dos seus militantes, dos votantes, da sociedade, é un partido que queda só ante as súas obsesións ideolóxicas", avisou.
"É un erro", engadiu, antes de lembrar que os populares xa sabían que "os socios do Goberno non eran fiables en política interior", pero agora "sorprende" que "tampouco o son na exterior". E tras subliñar que os socialistas gobernan co BNG en varias institucións galegas, preguntouse "a ver que resposta" expoñen "en relación á súa ambivalencia" con este conflito bélico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.