A produción cultural custa cartos. As cousas non se fan dende a nada. Os artistas deben cobrar. A xente da música, da literatura, do teatro, da arte en xeral, ten, coma todo o mundo, que gañar a vida; teñen dereito a vivir do seu traballo, das súas creacións, dos seus libros, das súas interpretacións e composicións e películas e o que sexa; teñen que ser remunerados e da maneira máis digna posible. Oxalá os cartos non fosen un condicionante brutal. Oxalá viviramos no reino ideal onde as palabras economía e cultura non puidesen estar xuntas na mesma frase. Mais é así. E iso é o que fai que con moito esforzo, per,o que con moitísimo esforzo, as empresas culturais galegas vaiamos navegando. Como se pode. Mais navegando.
Que lindo sería que puideramos ofrecerlle aos nenos e nenas unha programación de actividades estable, durante o ano, centrada na música, no libro, nos contos, no teatro, en todas as cousas que os nutren, que os alimentan, que os farán mellores persoas e cidadáns. Xa nos gustaría. Pero non pode ser se non se dan os apoios necesarios para que esas cousas sexan posibles. Non pode ser se os primeiros responsables da promoción e coidado da cultura dimiten das súas responsabilidades e miran para outro lado.
Xa o dixemos moitas veces: a diferenza doutros países, no estado español a cultura está penalizada. No norte de Europa, pero tamén en moitos países de América Latina, a cultura ten IVE cero. Absolutamente libres de IVE. Non hai impostos que castiguen a quen merca, á industria cultural, aos creadores e creadoras. Por aí fóra a cultura é liberada das tensións recadatorias dun estado voraz que non entende nada en absoluto e que pensa que pode gravar co mesmo IVE o consumo de coches que o do teatro ou o cine.
Aos que nos dedicamos á cultura, que vivimos dela, que facemos das ficcións e as músicas e as historias e o entretemento a nosa vida, que soñamos e nos estrullamos o cerebro día si e día tamén para darlles o mellor de nós e da nosa xente á sociedade, encantaríanos vivir nun país onde a cultura é tratada como o que debe ser: algo con valor pero non con prezo.
Algo digno.
Algo que hai que consumir a diario. Todo o ano.