Dúas horas bárbaras

A pasada semana, no estado de Arizona, foi executado un preso. Para o que vou explicar, tanto ten de que se lle acusaba. Tampouco se era culpable ou inocente (as autoridades dos EUA recoñecen que de cando en vez, por erros do sistema, claro, cárganse a algún que non tiñan que churruscar na cadeira eléctrica ou así).

Por Francisco Castro | Vigo | 03/08/2014

Comparte esta noticia
O dato que importa é que a persoa executada estivo dúas horas agonizando,  asfixiándose nunha tortura durísima logo dunha inxección letal que, dun xeito indoloro, tiña que ter rematado coa súa vida. Pero non o fixo. E ollo, que non se me entenda mal. Os que somos contrarios á pena de morte, non a aceptamos para ninguén (fixese o que fixese) e baixo ningunha das súas formas. A pena de morte é unha barbaridade. Punto pelota. E casos como o de Arizona o único que fan é resaltar a condición bárbara da barbaridade deste asasinato legal. E punto pelota outra vez. 
 
Por iso titulo este artigo así. 
 
A pena de morte é un exercicio bárbaro, unha demostración de inhumanidade. Os clásicos gregos chamaban ás hordas salvaxes que de cando en vez os invadían, os "bárbaros". Referíanse co termo a aqueles que non sabían falar.  Faltáballes o "logos" ou sexa, a palabra. Mais"logos" significa tamén "razón". Era un xeito de suliñar a súa condición animal. Un bárbaro é un animal. Alguén sen civilizar. Un ser que vive fóra e afastado do resto porque é indigno de vivir coa xente e ten que facelo nas marxes da polis.
 
A pena de morte é un homicidio amparado pola lei que en ningún caso, digan o que digan os seus partidarios, sirve para facer xustiza (e dende logo tampouco para reducir a criminalidade). O seu único obxectivo é dar vinganza. Facer pagar con sangue o derramamento de sangue. Dar cobertura legal á lei bíblica, e xurásica, do ollo por ollo.
 
A erradicación por completo desta práctica bárbara debería de ser un dos grandes obxectivos a conseguir para as Nacións Unidas en todos os países do mundo.  Xa non só porque é, como dicimos, unha barbaridade (ou porque como haxa un erro e se execute a un inocente, ten logo difícil reparación) senón porque tamén hai lugares no mundo sen ningunha clase de garantía democrática, onde as execucións (polo xeral de disidentes) adoitan ser mecanismo represivo e ameaza terrible fronte de calquera clase de rebeldía. 
 
A Humanidade non ten dereito a chamarse tal mentres siga a ser tan tremendamente bárbara.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro