Manifestación a prol do Donbass e Rusia e dunha "Ucraína antifascista" en Santiago

O Comité Galego de Apoio ao Donbass (CGAD) acusa os Estados Unidos e a UE de ter iniciado o actual conflito por financiar "o golpe de estado do Euromaidan".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/03/2022 | Actualizada ás 11:38

Comparte esta noticia

O Comité Galego de Apoio ao Donbass (CGAD) tomou a decisión de chamar ao conxunto da militancia e destacamentos revolucionarios de Galicia a se manifestar en apoio das Repúblicas Populares de Donestk e Lugansk e do movemento antifascista en Ucraína

Unha rúa con sacos de area para conter os ataques rusos en Leópolis (Lviv), a 4 de marzo de 2022, en Lviv (Ucraína). Pau Venteo - Europa Press
Unha rúa con sacos de area para conter os ataques rusos en Leópolis (Lviv), a 4 de marzo de 2022, en Lviv (Ucraína). Pau Venteo - Europa Press

Desde o golpe de Estado do Euromaidan en 2014, promovido e financiado a finais de 2013 pola UE e os Estados Unidos, Ucraína transformouse nun "inmenso campo de experimentación política e de formación militar nazi". Segundo explica o Comité, o Partido Comunista e as organizacións obreiras foron ilegalizadas, tamén os partidos non sometidos ao imperialismo. Nas últimas semanas, os "escasos dereitos preservados por outras organizacións non aliñadas coa política do réxime de Kiev foron tamén conculcados".

"O idioma ruso foi prohibido nos medios de comunicación e no sistema educativo. A rusofobia transformouse nunha política de Estado e traduciuse no exterminio das minorías étnicas e nacionais por parte do supremacismo racial inspirado en Stepan Bandera, líder histórico do fascismo ucraíno", prosegue o comunicado. Pese ao carácter "abertamente reaccionario" do réxime ucraíno, o CGAD constatou como a meirande parte das forzas políticas galegas optou por asumir un "discurso aliñado cos intereses do imperialismo, a Unión Europea e a OTAN".

Así, indican, en nome da paz promóvese a causa do Batallón Azov, rexéitase a desnazificación de Ucraína e négase o dereito á autodeterminación das Repúblicas Populares de Donestk e Lugansk así como o dereito á lexítima defensa por parte da Federación Rusa.

O CGAD entende que a Galicia "obreira, republicana e antifascista sabe ben de que lado da trincheira está: con quen combate con firmeza e determinación á besta nazifascista". "Os casos de Iugoslavia, Iraq, Afganistán, Iemen, Libia e Siria, constatan que a resistencia é imprescindible para non perecer perante á ameaza totalitaria global que pretenden impor Washington e Bruxelas", denuncian. 

É por iso que o CGAD quere facer un chamado a toda a militancia e aos destacamentos demócratas e revolucionarios con presenza en Galicia a se manifestar o vindeiro xoves 31. "Cómpre deixarlle claro ás forzas do Réxime que as e os obreiros galegos non faremos causa con elas. Cómpre comezar a construír solidariedade internacionalista cos pobos do Donbass, ucraíno e ruso para confrontar a barbarie aos que busca sometelos o gran capital norteamericano", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Sentidiño

Non comprendo por que GC difunde calquera parvada coma esta, e cala sobre o Polisario. Van aló cinco días desde a traizón do Psoe ao pobo saharaui e nin dades a noticia, nin permitides a opinión libre. Que decepción.

2 anonimo

E mais. Non foi a OTAN nen USA quen invadiu Ucrania, precisamente. ¿ Seica a invasión rusa tenta que Ucrania non caiga nas mans do capital ianqui? Son ganas de darlle a volta a tortilla, ou de aplicar esquemas que non interpretan a realidade, senón que a manipulan e a disfrazan. Menos panfletada resesa que,simplemente xa non sirve.

1 anonimo

¿Seica os obreiros galegos van facer causa cas tropas rusas ? Algo delirante. A ideoloxía decir parvadas e plantexar discursos de tolos. E, sobre todo, non deixa ver a realidade