Santigo impulsa uns bonos para consumir nunha zona que leva máis dun ano en obras

Son os Bonos Corazón de San Pedro para utilizar en 44 establecementos da zona de Concheiros e os seus arredores.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2022 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que desde as 9,00 horas deste venres están dispoñibles os Bonos Corazón de San Pedro, que se poderán utilizar, polo momento, en 44 establecementos da zona de Concheiros e os seus arredores.

Estes bonos serán válidos ata o 31 de maio deste ano e estarán dispoñibles para a súa descarga ata alcanzar o total de 24.000 emitidos. Os veciños de Santiago poderán servirse desta iniciativa, a través da cal o Concello abona ata o 40% do prezo total do bono para consumir no comercio e a hostalaría destas zonas.

Durante a rolda de prensa deste venres, o rexedor lembrou que a inscrición para os establecementos que queiran participar está aberta desde o pasado martes e que seguirá dispoñible para aqueles establecementos que aínda non se decidiron a participar.

APOIO A UCRAÍNA

Por outra banda, durante a súa comparecencia, Bugallo explicou que as 15 toneladas de materiais de axuda a Ucraína xa están de camiño. Esta axuda, recollida e coordinada por Protección Civil, conseguiu solicitar útiles de primeira necesidade para ser enviados a Polonia, onde se atopa unha gran parte dos refuxiados ucraínos.

AXENDA URBANA

Por último, Bugallo insistiu en que todos os grupos políticos, sindicatos e asociacións interesadas poden participar na fase actual de desenvolvemento da Axenda Urbana 2030 para Santiago anunciada esta semana.

"Paréceme moi pouco positivo que se tente descualificar un proceso que é totalmente aberto e participativo", asegurou o alcalde sobre un proceso que, insiste, "non está pechado" e no que espera que todos os interesados fagan as súas achegas.

Obras na rúa de Concheiros, en Santiago
Obras na rúa de Concheiros, en Santiago

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta