Por Manuel Bragado | Vigo | 25/05/2014
No seu pregón Pedro reivindicou o papel de Vigo como cidade literaria e a necesidade da comunicación directa do autor coa lectora, sen esquecer o papel das políticas públicas de fomento da lectura. Un texto excelente (pode baixarse en pdf) de lectura moi recomendable. Antes de falar dos contidos de Penúltimas tendencias, Carlos Negro leu un texto chamado a convertirse en clásico («Decálogo para unha poesía que se cadra non existe») no que reivindica e enxerga futuro para a que bautizamos como «poesía orientada a un público xuvenil».
Un texto de gran interese para a formación do lector literario e para a reivindicación da poesía no entorno educativo e bibliotecario. Por último, na presentación d’ A viaxe de Gagarin conversamos con Agustín sobre o contexto daqueles anos sesenta sobre os que teceu a súa emocionante novela da memoria e de formación. Agustín puxo en evidencia a importancia do seu blog documental, un espazo pioneiro (extraordinario traballo) niso que podemos chamar «edición estendida«. En definitiva, un excelente inicio dun programa intenso de presentacións e actos que continuará para nós o vindeiro luns.