Un goberno que quere vivir nos mundos de Yupi

Aos membros do goberno non lles gustan os informes que elaboran grupos independentes coma Save The Children ou outros coma Cáritas por só mencionar algúns dos feitos públicos recentemente.

Por Francisco Castro | Vigo | 22/04/2014

Comparte esta noticia
Ao goberno, de feito, non lle gusta ningunha voz crítica que se atreva a cuestionar a validez do seu Mundo de Yupi oficial onde a crise rematou, a xente vai atopando traballo con facilidade e todo o mundo ri e é Feliz na Perfección Mariana Harmónica. 
 
Eles saben ben, por iso lles proe, que as ONG están a facer un traballo a pé de campo, no mundo real, onde o de menos é a repercusión electoral dos datos e si contar a verdade aínda que doa. Descubrila e contala. Contala e denunciala.
 
Os homes e mulleres que traballan nesas organizacións, facendo con enormes dificultades o que os gobernos deberían facer pero non fan, saben que si, que a pobreza infantil en España é escandalosamente grande para estarmos nun país que se di civilizado, que a desesperación medra, que non hai luz que dea esperanza e que non a pode haber entre outras cousas porque o goberno está traballando só para que as contas de resultados das grandes empresas non diminúan, para que os grandes lobbies da violencia capitalista sigan obtendo os réditos que sempre tiveron. O goberno non está para a xente. Nin está nin esperan estalo nunca. Non entenden (porque non llo facemos saber) que deben gobernar para nós. 
 
Estou convencido de que se deles dependese, ilegalizarían as ONG e toda canta organización exista disposta a traballar por un mundo mellor ao tempo que lle sacan as cores aos dirixentes. Porque ao refutar con datos certos o paraíso oficializado, réstanlles posibilidades electorais e, a fin de contas, sexamos serios, do que se trata é de gañar unhas eleccións, non de facer que ninguén viva mellor. 
 
Así que é doado maxinar aos Montoro e compañía practicando vudú polas noites coas ONG. Tan incómodas. Tan pesadas. E, sobre todo, tan libres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro