A soleira dos soños

Na cuadraxésimo novena entrega de 'Viaxes sen Lee', o explorador emocional Gabriel Rei-Doval abala a pedra que separa os soños da realidade académica nas Montañas Rochosas

Por Gabriel Rei-Doval | Denver (Colorado, USA) | 27/12/2021 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

Cando saímos do aeroporto, procurámo-lo auto que nos levaría ata Colorado Springs con Vicente e Nieves, que chegarían desde as Iberias despois dunha longa viaxe. A interacción con tan distinguidos colegas amorteceu o shock da miña arribada a Colorado. Non dixen moito, porque necesitaba meditar sobre a intensidade aeronáutica, tsunami do corazón encapsulado nunha desas botellas lanzadas ó océano onírico pola alma humana. E mentres a mente recuperaba lembranzas idas de Pikes Peak e o Xardín dos Deuses, non deixaba de matinar nos recados que, desde o Olimpo dos soños, o magma colectivo da psique quería mandarme.

O último día do III Simposio Norteamericano de Estudos Galegos en Denver
O último día do III Simposio Norteamericano de Estudos Galegos en Denver

Pasaron os días, o Simposio comezou e o mundo onírico continuou vizoso con formas alternantes entre Pikes Peak e Twins Peak, mentres o poder da forza coqueteaba co pasado desde a soleira dos soños. Polo día impoñíase a realidade ordinaria da seriedade académica, mentres á medianoite espírito, corazón e alma creativa bailaban cal arrabeados sultáns do swing.

Ó devolve-lo SUV onda o Aeroporto Internacional de Denver voltei á terminal, e velaí xurdiu no cabo da Liña A, como saído da nada, o Equipo A do galicianismo planetario, acabado de aterrar en triunfal voo transoceánico, completamente preparado para, a mañá seguinte, asalta-los ceos do sistema universitario de Colorado. Que oráculo puidera propiciar aquel azaroso encontro meu coas elites académico-culturais galegas onda a maior superficie aeroportuaria do país?

O día seguinte comezarían as sisudas negacións filosóficas da saudade, as penetrantes avaliacións da esencia verdescente e mailas rumorosas críticas ó prácido luar do intelecto. Deixaría deste xeito Galicia de ser Terra chuviosa e morriñenta? Terían as nosas vaguidades cumprido fin tras convertérmonos no revulsivo intelectual do cosmos académico?

Aquela noite, instalado do Courtyard Marriot de Denver entre ecos de unicornios extraviados e arrecendo a corno queimado, visitoume Morfeo apenas xacín alí. Así aparecín onda o pozo de sabiduría alquímica de McKenna. Onda min, tomando o sol con ghafas escuras sobre palapas tropicais, xacían seis ananas en cadansúa hamaca de praia. As ananas preparaban un magosto en pleno San Martiño oficial, sostiñan biblias en español, inglés e galego e recitaban pasaxes apócrifas nunha lectura estrafalaria.

Solpor no Garden of the Gods (Colorado Springs)
Solpor no Garden of the Gods (Colorado Springs)

A anana en xefe vestía queixada achatada e ancha, cadeiras en ángulo convexo, andar de parrulo mareado e tiña a palma das mans formada por unha ensalada de chícharos, maínzo, arroz e granada. De súpeto, a súa fronte tornou vermella e os grans das mans desprendéronselle coma follas caducas. Outra anana, escuálida, de ollos mouros afundidos, orellas puntiagudas e naricísimo infindo, falaba barato con ínfulas de aspirante a baronesa e verbo caprichoso. Unha terceira anana, con vestido catwoman, capa negra e casco darth vader, cortaba altas copas de arume arpado coa súa poderosa espada láser. A cuarta anana, con cara de esquío asustado e melena castaña, limitábase a obedece-las ordes das outras cinco ananas. As últimas dúas, siamesas dominatrix de alta voltaxe, cantaban en salvaxe compaña versións apócrifas de Wannabe e Amor de verano mentres brandían os seus látegos de coiro negro contra o chan e pisaban con garbo sobre afiados tacóns de agulla. A primeira anana siamesa, cos seus dentes de castor en forma de lambda maiúsculo, decaía na pronuncia de sons interdentais mentres a segunda, con pernas de flamengo desplumado e crinas de unicornio toleirán, debuxaba bacihelmos no chan co seu rebenque de coiro.

Ante tan apocalíctico panorama, optei por fita-las miñas mans e aparecín sen pausa no Xardín dos Deuses. Con todo, para a miña sopresa as siamesas, empoleiradas nun camion vermello de bombeiros cun tanque de queroxeno coroado por mangueiras laranxas, apareceron tamén teletransportadas para continua-la persecución a todo filispín.

Corrín todo o que me deron as pernas lonxe do camión e acabei batendo onda uns penedos cun niño de serpes de cascabel. Ó parar en seco o camión das ananas embestiume e caín seminconsciente. As ananas inmobilizáronme de contado: dúas estiraban os meus brazos ata o límite, mentres outras dúas cravaban os seus tacóns de agulla nos meus nocellos. E daquela, mentres unha das siamesas oraba cos chavellos ó solpor das Rochosas, a súa xemelga darthvader achegaba a espada láser ó meu pescozo e afastaba o gume ó oriente con intencións derradeiras.

Daquela, mentres a anana vampiresa procedía á decapitación láser, a insistente bucina do camión de bombeiros comezou a soar con estridencia en intervalos regulares de medio segundo e visualicei un túnel negro, estreito e infindo.

A sirena do camión fíxose máis e máis intensa e audible ata que puiden abri-los ollos. O espertador do meu móbil alertábame con estridencia de voltar á realidade ordinaria e prepararme para a derradeira xornada do terceiro simposio norteamericano de estudos galegos.

No Mckenna Lake de Boulder (Colorado)
No Mckenna Lake de Boulder (Colorado)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA