Vellos e novos retos para o BNG

Nun breve espazo de tempo, coincidiron dúas citas internas moi relevantes para as forzas que conforman a oposición no Parlamento galego: a realización das eleccións primarias para elixir o segredario xeral do PSdG e a celebración da Asemblea Nacional do BNG.

Por Xesús Veiga | | 29/11/2021

Comparte esta noticia
Ambos eventos estiveron moi condicionados polos resultados rexistrados nas eleccións galegas de xullo de 2020. O mantemento da maioría absoluta do PP de Feijóo e o grande éxito do BNG -superando amplamente os escanos acadados polas candidaturas que encabezaba Gonzalo Caballero- reavivaron vellas dúbidas e suscitaron novos retos para PSdG e BNG. No primeiro caso, reapareceron as pantasmas de case sempre: carencia dun proxecto político suficientemente autónomo a respecto das liñas elaboradas na rúa Ferraz, incapacidade para establecer os debates internos en base a propostas programáticas coherentes e tendencias auto destrutivas no propio funcionamento da organización.
 
O BNG chegaba a esta XVII Asemblea cunhas xustificadas doses de satisfacción e optimismo despois de atravesar, no transcurso da última década, situacións electorais moi adversas e frustrantes (7 escanos no 2012 fronte aos 9 obtidos por AGE e 6 no 2016 mentres En Marea acadaba a condición de segunda forza con 14 actas). O mapa electoral debuxado no verán de 2020 representou o regreso do que xa se coñecera entre 1990 e 2012: tres forzas no Parlamento do Hórreo e “sorpasso” da organización nacionalista ao PSdG en dúas ocasións (1997 e 2001). Precisamente, se facemos unha comparativa coa situación vivida naquel período histórico podemos constatar algunhas semellanzas (un liderado consolidado no seo da organización nacionalista e unha fortaleza parlamentar superior á dos socialistas) e tamén certas diferenzas (menor pluralismo interno e presenza inferior nos gobernos das sete cidades aínda que tal circunstancia fica compensada coas vicepresidencias existentes en tres Deputacións).
 
Antes e agora, o BNG enfronta o reto de ser quen de reducir o apoio que ven disfrutando dende hai tempo o PP, conseguindo conectar cunha parte dos actuais votantes de Feijóo ou ben favorecendo o medre dun distanciamento nese potente universo electoral -a través da abstención- que posibilite un cambio na maioría parlamentaria no pazo do Hórreo. Nese contexto, entendese a contundencia verbal de Ana Pontón a respecto da existencia ou non dun horizonte programático independentista na organización que actualmente encabeza. Dende o seu nacemento -en 1982- e ate a Asemblea de Amio de 2012 o BNG non se definiu como unha forza independentista por mais que puidera haber, no seu interior, algunhas persoas que se identificaran explicitamente con tal obxectivo. O campo no que se moveu estivo delimitado por un conxunto de reivindicacións -soberanía nacional, dereito de autodeterminación, maiores niveis de autogoberno...- que podían ter encaixe nunha hipotética estrutura federal ou confederal do Estado español mais que non remitían a un proxecto explícito equivalente ao que hoxe postulan, en Cataluña, forzas como ERC, JxC e as CUP.
 
A partir de 2012, comezaron a tomar corpo, progresivamente, formulacións que reclamaban unha “República da Galiza” como “Estado galego soberano”. Este achegamento á linguaxe independentista (aínda que non figurase directamente ese termo) constituíu unha novidade na tradición do Bloque, tal vez explicábel en base a dúas circunstancias até entón inéditas na súa contorna política. Por unha banda a necesidade de verbalizar unha maior diferenciación con forzas emerxentes no territorio galego (AGE e En Marea) que tamén reivindicaban o dereito de autodeterminación e a soberanía. Por outra banda, o medre espectacular do independentismo catalán -acadando sucesivas maiorías no Parlament- constituía un forte incentivo para tratar de imitar semellante dinámica. No momento actual, ambas realidades teñen mudado significativamente: En Marea practicamente desapareceu da vida política galega e o “procés” catalán, a pesar da súa notábel forza electoral, padece un estancamento indiscutíbel e unhas expectativas incertas.
 
No 2022, o BNG cumprirá 40 anos de vida. Un período suficientemente amplo para ter un coñecemento preciso das potencialidades e das feblezas da organización mais representativa do nacionalismo galego moderno. Se Ana Pontón desexa acadar a presidencia da Xunta, dispón dun material moi valioso na experiencia histórica das últimas décadas para aprender dos acertos e dos erros das equipas dirixentes que, no pasado, tamén quixeron acadar esa meta tan importante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.