Sería importante que o PSOE...

Escribo este artigo ao pouco de comezar a Conferencia Política do PSOE, anunciada polos medios como se fose unha especie de plebiscito de Rubalcaba ou, segundo que xornais, A Fin do Mundo. En calquera caso, no intre no que redacto estas liñas, ignoro que é o que vai pasar. De feito, nin me preocupa.

Por Francisco Castro | Vigo | 12/11/2013

Comparte esta noticia
Porque, do que quero falar, é de todo iso que seguro que nas conclusións da tal Conferencia non vai aparecer, todas esas cousas que sería importante que o PSOE tivese claro e deixase claras e por escrito, entre outros motivos, para poder seguirse chamando socialista (tendo claro que, a día de hoxe, cando tal verba usamos, xa non podemos seguir falando nos termos nos que no século pasado se falaba ao pronunciala).
 
Saquen as conclusións que saquen os socialistas alí reunidos neses tres días que seguro que son intensos, sei de sobra, e insisto en que escribo dende antes de que todo pase, de que non se falará dunha manchea de cousas importantes que, ao non estar presentes no debate, o PSOE está ignorando e que sería importante que recuperasen entre outras cousas porque nalgún intre das súa historia formaron parte da súa esencia. Do mellor da súa esencia.
 
Por exemplo, sería importante que o PSOE lembrase nas súas conclusións que son un partido de clase obreira, ou sexa, un partido pegado á xente humilde e non á Troika; sería importante que o PSOE lembrase que dende a súa fundación é (era) un partido republicano e xa que logo que traballase arreo para conseguir ese cambio de réxime, máis xusto, mellor, máis democrático, máis civilizado, máis normal; sería importante que o PSOE lembrase que son un partido de esquerdas, é dicir, comprometido cun cambio da realidade, nacido para axudar a unha transformación das cousas para superar as inxustizas (antes dicíase "contradicións") do sistema capitalista, unha forma de organización inxusta, demoledora e inhumana.
 
Sen embargo, estou certo de que do que se fala na conferencia é de estratexias electorais, de "ilusionar á xente", de integridade, de renovación, de listas...en definitiva, da nada.
Sería importante que o PSOE lembrase que son un partido político e que o que deberían facer é, precisamente, política.
 
Iso sería xa un avance dos grandes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro