Investigan unha fosa común en Celanova cos restos de sete republicanos asturianos

A Memoria de Celanova, da man do Goberno de Asturias, traballan nesta investigación no cemiterio da vila ourensá.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2021 | Actualizada ás 20:52

Comparte esta noticia

O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova colaborará co Goberno de Asturias na investigación dunha fosa común localizada no cemiterio parroquial da vila ourensá na que poderían atoparse os restos de sete asturianos, fusilados en setembro de 1939 por unha unidade militar falanxista contra a tapia do camposanto. O Comité fixo este anuncio na presentación pública en Celanova do 'Informe nº 1: Monumento do Outeiro da Obra. Fin dun legado imposto', que se desenvolveu no Refectorio do claustro barroco, un espazo que o colectivo reivindica como lugar de memoria dado que foi o primeiro cárcere habilitado polos sublevados contra a República no verán do 36.

Imaxe da cruz da 'Bandera de Marruecos'
Imaxe da cruz da 'Bandera de Marruecos' | Fonte: Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova

Na fosa, que o Comité vén documentando desde hai uns meses con pescudas en arquivos civís e militares, poderían estar os restos de Baldomero Vigil-Escalera Vallejo (pintor de 19 anos); Marcelino Fernández García (mecánico, de 21); Guillermo de Diego Álvarez (chofer, de 25); Alfonso Moreno Gayol (chofer, de 26); Abelardo Suárez del Busto (albanel, de 28); Belarmino Álvarez García (mineiro, de 29) e Mariano Blanco González (litógrafo, de 36). "Son os sete veciños de Xixón apresados pola armada sublevada cando fuxían en barcos despois da caída da fronte de Asturias no outono de 1937", indica o Comité nun comunicado remitido aos medios.

Os sete foron sometidos a consellos de guerra en Camposancos (A Guarda) en 1938 e condenados a pena de morte. A comezos do ano seguinte foron trasladados a Celanova; e as súas execucións tiveron lugar o día 22 de setembro de 1939 a cargo da 'Bandera de Marruecos', a mesma unidade que mes e medio antes tiña levantado o símbolo franquista que o Comité rexistrou no seu Informe nº1. Agora, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova asegura que poñerá "toda a documentación sobre estas vítimas da barbarie fascista a disposición do Instituto de la Memoria Democrática de Asturias".

HOMENAXE NO CEMITERIO

Despois do acto no Refectorio, a directiva do Comité e asistentes á presentación visitaron o lugar no que foron soterrados os sete asturianos e depositaron un ramo de flores en lembranza das vítimas. "A fosa quedou así simbolicamente sinalizada, nun primeiro paso para a recuperación da memoria daqueles sete republicanos e, con eles, doutras vítimas do terror fascista no cárcere de Celanova, polo que pasaron unhas 6.000 persoas represaliadas entre 1936 e 1943", relata o comité.

Homenaxe do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova na fosa do cemiterio parroquial, que quedou sinalada como lugar de memoria cun ramo de flores vermellas
Homenaxe do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova na fosa do cemiterio parroquial, que quedou sinalada como lugar de memoria cun ramo de flores vermellas | Fonte: Memoria Celanova

A CAMPAÑA POLA ELIMINACIÓN DA SIMBOLOXÍA

Así mesmo, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova volveu poñer sobre a mesa a súa demanda de eliminación do monumento falanxista do Outeiro da Obra e reclamou o cumprimento da lei estatal de memoria que contempla a retirada desta simboloxía.

O Comité subliñou que "o carácter do monumento como elemento de exaltación do golpe de Estado do 36, da guerra e da represión franquista está perfectamente documentado no Informe nº1 que ningunha autoridade académica, civil nin eclesiástica discutiu ata hoxe; e que para facer valer a lei e as recomendacións das Nacións Unidas, non hai outra solución que a retirada do símbolo, unha competencia que habitualmente asumen os concellos, mais no caso de Celanova aínda non se levou adiante pola negativa da maioría da corporación".

Por iso, dan por "fechada a vía política" na corporación de Celanova, dada a oposición do PP (6 concelleiros) e do partido que sostén ao alcalde, Celanova Decide (4 concelleiros), que encargou un contra-informe para "poñer en dúbida as conclusións da investigación do Comité, mais non o fixo público nin o trasladou a este Comité", indican.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Tri-Gueirizas

A Memoria Histórica en CELANOVA precisa dun compromiso de todos os centros de ensino da comarca e de todas as entidades veciñais e da cultura. É imprescindible unha mobilización da sociedade co fin de que o legado franquista desapareza e deixe paso a unha investigación do pasado sen prexuízos. Oitenta anos despois da guerra non pode ser que a escuridade e o silencio se impoñan sobre aqueles días nos que CELANOVA quedou convertida nun gran cárcere. (muden CELANOVA por GALIZA, e vale o mesmo)

1 Sentidiño

Con toda a cordialidade, non estou de acordo en que o legado franquista desapareza. O legado daquel réxime de terror debe figurar nas fosas e nas prazas públicas, coma acontece en Francia: aquí caeu X abatido polos rebeldes, aquí foi soterrado polos fascistas Y cun tiro na testa, etc. etc.