Verbas

É tempo para as verbas. Para dicilas, pronuncialas e saborealas. Palabras coma furacán fervenza vento que cambien o mundo de vez. Vocábulos diferentes a crise, recesión, eeconomía, realidade, non se pode, non se pode. Verbas ditas en voz alta, en definitiva, para cambiar o mundo.

Por Francisco Castro | Vigo | 16/10/2013

Comparte esta noticia
É tempo para palabras que emocionen e iluminen, que expliquen que outros mundos son posibles, que outras realidades poden ser soñadas. Porque somos verbas e pensamos con elas. Porque somos as que pronunciamos e as que calamos, aquelas coas que nos estruturamos por dentro, coas que decidimos ir á batalla ou ficar colonizados na estratexia fonética de lexemas ditados por outros. Así pois, só poderemos mudar a realidade se somos quen de pronunciarnos distintos, conscientes e falantes dunha semántica de nós que nos aglutine, que nos lexitime para a liberdade e o pensamento ceibo, para, en definitiva, nutrirnos de ideas que nos dean azos para cambiar as cousas. Porque somos verbas. Porque a linguaxe é o noso marco referencial, o espazo de significados dende o que nos aceptamos ou rexeitamos, dende o que acatamos a vida na súa inxustiza ou na aúa beleza, para mudala ou gozala. Para facer con ela o que nos pete.
Por iso temos que deixar de escoitar dentro da nosa cabeza esa reiteración tristeira e monocorde de palabras castrantes, tan amigas do poder, e que nos últimos tempos non deixamos de escoitar. Esas verbas esnaquizantes que afogan toda posibilidade de rebeldía, de cambio social. Palabras que interiorizamos no ADN emocional para deixarnos de ser posibilidade e ficar estáticos. E vencidos.
 
É tempo para as palabras.
 
Revolución. Liberdade. Cambio, Solidariedade. Igualdade. Amor. Xustiza. Decisión. Soberanía. Alegría. Luz. Transformación. Galego. Cambio.
 
Fronte da mediocridade unidimensional da economía, a pluralidade alegre das novas maneiras de falar.
 
É tempo das palabras.
 
De falarmos coa lingua de nós, coas palabras de nós. Para dirixir de verdade a nosa vida e para que haxa unha mínima posibilidade de futuro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro