A Xunta pide manter abertos "o maior número de pasos fronteirizos posibles" con Portugal

Aínda permanecen pechados 20 dos 27 puntos de paso.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/03/2021 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reuniuse este mércores co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR- N), Antonio Cunha, e con representantes das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECTs) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para abordar o impacto do peche da fronteira, cuxos pasos transfronteirizos Galicia pediu "manter abertos" para facilitar o tránsito.

Reunión virtual entre a Xunta e autoridades portuguesas
Reunión virtual entre a Xunta e autoridades portuguesas | Fonte: Xunta de Galicia.

Na reunión participou tamén o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, e membros das AECTs Galicia-Norte de Portugal -a da Eurociudad Chaves-Verín e a do Miño--

O Goberno galego defendeu que se manteñan abertos "o maior número de pasos fronteirizos posibles" para facilitar a mobilidade de traballadores transfronteirizos e mercadorías, "evitando así aglomeracións e percorridos máis longos".

A Xunta pediu que se teñan en conta as particularidades das áreas da fronteira, aínda que sempre "dentro das dispoñibilidades de vixilancia, levando a cabo as limitacións de mobilidade e cos controis que sexan necesarios para frear a propagación da pandemia".

Aínda que o Goberno portugués abriu, de forma progresiva, algúns pasos durante as últimas semanas, "o que repercutiu de forma positiva na atención das necesidades de ambos os lados da fronteira", actualmente aínda permanecen pechados 20 dos 27 pasos.

Así, mantéñense abertos de forma continuada -desde o inicio do segundo peche de fronteiras o 31 de xaneiro- os pasos de Tui-Valença e Chaves-Verín, aos que se sumaron a mediados de febreiro os de Arbo-Melgaço, Salvaterra-Monção e Montalegre-Baltar, aínda que só durante unhas horas ao día.

Ademais, desde o pasado luns, están abertos dous novos: o de Vinhais -A Mezquita e Ponte da Barca-Lobios, tamén con limitacións horarias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta