Guía para entender como será o Nadal: ceas, xuntanzas e viaxes

Galicia estará pechada durante o Nadal e a Xunta recomenda, finalmente, limitar as reunións a unidades de conviventes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Xa hai plan de Nadal da Xunta, ou cando menos, unhas recomendacións. A máis importante é a que ten que ver coas ceas e comidas de Nadal. Unhas xuntanzas que a Xunta quere reducir a seis persoas sen incluír os menores de dez anos e, a poder ser, dunha única unidade de conviventes.

Cea de Nadal
Cea de Nadal | Fonte: culturacolectiva.com

Así, o plan de Nadal de Sanidade inclúe como recomendación principal que as festas se celebren exclusivamente dentro da unidade de convivencia. No caso de que sexa "imprescindible" sumar a alguén máis, exponse un segundo nivel de seguridade coa incorporación doutra unidade familiar, ata un máximo de dous.

A maiores, Sanidade tivo en conta os casos nos que, reunidas xa dúas unidades familiares, existan, por exemplo, "persoas maiores que viven soas e que vai ser difícil que non celebren o Nadal" cos seus achegados. Nestes casos nos que os concelebrantes sexan máis de dúas unidades familiares, algo "excepcional", piden as autoridades, as reunións limitaranse a un máximo de seis persoas, sen contar os nenos menores de 10 anos.

En calquera caso, a Xunta instou a "non facer trampas" e lembrou que a recomendación é que as unidades familiares "sexan estables durante o período de Nadal", isto é, que sexan sempre as mesmas para todos os encontros e "non se anden rotando". Do mesmo xeito, Sanidade recomenda os "mínimos contactos posibles en días previos" e que "se reduzan as relacións sociais" con persoas alleas a estes grupos familiares durante estas datas, co obxectivo de reducir riscos.

PROTOCOLO PARA CEAS E COMIDAS

Do mesmo xeito, o plan elaborado no seo do comité clínico, inclúe unha serie de recomendacións adicionais á hora de celebrar as ceas e comidas de Nadal, que deberán ser, preferentemente, nun lugar exterior ou ben ventilado, coas xanelas abertas durante a velada.

Os participantes, "por suposto, sen síntomas", distribuiranse nunha "mesa grande", que garanta a distancia de seguridade de 1,5 metros entre comensais e deberán "manter a máscara posta sempre que sexa posible", excepto para o momento para comer.

É recomendable que a mesa a poña "unha única persoa" e que se teña desinfectado as mans previamente, "preferentemente con auga e xabón". Os participantes deben "absterse de saúdos" e "non compartir bebidas nin alimentos". Cando alguén se levante da mesa, deberá desinfectarse as mans antes de volver sentar, segundo o protocolo da Xunta.

GALICIA, PECHADA

Como o resto de comunidades autónomas españolas, Galicia permanecerá pechada entre o 23 de decembro e o 6 de xaneiro, excepto para motivos xustificados, entre os que se atopa reunirse con familiares "neses días concretos". "Isto reduce moitísimo a mobilidade ou debería reducila", explicou o conselleiro, que precisou que, aínda que o concepto de "achegados" non conta con respaldo no comité clínico, esta incluído no documento elaborado polo ministerio.

Tamén se manterá a directriz estatal de establecer o toque de queda entre as 23,00 e as 6,00 horas de forma xeral e amplialo ata as 1,30 horas o día de Noiteboa e o de Fin de Ano.

Os peches perimetrais de concellos que decidan manterse nas próximas reunións terán vixencia, pero permitirase franquearlos para acudir a comer ou a cear coa familia durante as celebracións de Nadal como motivo xustificado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta