Feijóo defende a Constitución como "garantía" das autonomías e lamenta que "parte" do Goberno queira "derrogala"

Apela a defender a Carta Magna porque "lamentablemente" os "socios" do Executivo central "nin a respectan, nin a comparten, nin a apoian". Pontón (BNG) censura unha Carta Magna "que se usa como arma contra a diversidade".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/12/2020 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou á Constitución de 1978, que este domingo cumpre 42 anos desde a súa aprobación en referendo, como a "garantía" non só "da unidade de España", senón tamén do "Estado das autonomías" e do "autogoberno de Galicia".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta.

No entanto, lamentou que haxa "unha parte, como mínimo", do Executivo central que ten o "obxectivo" de "derrogar e deixar sen efecto" a Carta Magna. Así o aseverou Feijóo en declaracións aos medios durante na súa asistencia aos actos conmemorativos do Día da Constitución no Congreso dos Deputados, en Madrid.

Desde alí, dixo que "probablemente este sexa o ano que, con máis responsabilidade e xustificación, temos que seguir defendendo o pluralismo político, as liberdades e o propio espazo de concordia que garante" esta lei fundamental.

"Porque todos aqueles que cremos na Transición, nos pactos e no consenso temos que dicir moi alto e claro que a Constitución é a garantía da unidade de España, é a garantía do Estado das autonomías, é a garantía do autogoberno de Galicia, a garantía de que Galicia teña un Parlamento e un goberno elixido democraticamente", insistiu.

Ademais, resaltou a "importancia" de defender este texto nas actuais circunstancias políticas: "Lamentablemente, estamos a ver que os que están a gobernar en España, os socios do Goberno (en referencia a partidos nacionalistas e independentistas), non están no acto da Constitución porque simplemente nin a respectan, nin a comparten, nin a apoian".

A continuación, o presidente da Xunta e tamén do PP galego censurou que "os que están no Goberno, unha parte como mínimo, tampouco quere esta Constitución", porque "o seu obxectivo é derrogala e deixala sen efecto".

Feijóo reiterou a súa defensa das "liberdades, o pluralismo político, o Estado das autonomías e a unidade da nación", porque todos eles son "principios de cohesión e solidariedade que emanan da Constitución".

"Pola igualdade, pola liberdade, pola fraternidade entre todos os pobos que conformamos España, hoxe máis que nunca merece a pena dicir un 'si' inequívoco e sen condicións á Constitución española", finalizou.

PONTÓN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou que a formación frontista non ve nada que celebrar nunha Constitución española que "se usa como arma contra a diversidade, os dereitos e a propia existencia de Galicia como nación".

Así se pronunciou no acto celebrado na mañá deste domingo polo Bloque no Panteón de Galegos Ilustres da igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, onde Pontón estivo acompañada por membros da executiva da formación frontista, entre eles o deputado no Congreso Néstor Rego, que xa anunciara que non asistiría ao acto organizado na Cámara baixa con motivo do Día da Constitución.

"Nós hoxe celebramos a nosa vontade de existir, de ser, de estar no mundo desde nós. A nosa vontade de construír a Galicia do futuro, unha Galicia máis forte que a de hoxe", expresou Pontón nun discurso no que cargou contra "os que hoxe veneran" a Constitución española porque son quen "queren seguir mantendo todo atado e ben atado".

"Esta non é a nosa Constitución", aseverou Ana Pontón, que lembrou a oposición das forzas que integran hoxe o BNG a unha Carta Magna que supuxo "un pacto coa ditadura" durante a Transición española.

"Nós apostabamos por deixar atrás o anacronismo dunha monarquía corrupta. Non somos súbditos e tiñamos claro que democracia é recoñecer a Galicia como nación e con dereito á autodeterminación porque o Estado español é plurinacional", incidiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta