Os gromos de coronavirus obrigan a cancelar dous eventos importantes para Allariz

A feira de artesanía 'Arte de man' estaba programada para o 13 de setembro e a Feira de Produtos Apícolas para o 20.

Por X.M. Fernández | Allariz | 09/09/2020 | Actualizada ás 10:42

Comparte esta noticia

O Concello de Allariz informa que as decisións están fundamentadas na necesidade de ofrecer as máximas garantías preventivas nun contexto no que os casos por coronavirus non paran de medrar en Galicia.

Escultor traballando a pedra. Foto: Concello de Allariz
Escultor traballando a pedra. Foto: Concello de Allariz

A feira de artesanía de referencia para a vila, Arte de Man, deberá esperar ao vindeiro ano para celebrar a súa XVIII edición. Na edición que estaba programada para este ano estarían presentes máis de 25 artesáns e artesás, locais e doutros puntos de Galicia, que exporían no casco histórico de Allariz disciplinas artesás tradicionais como a pintura, a cerámica, o coiro, a cestería ou o gravado -entre outras- coas máis innovadoras artes en decoración, téxtil ou xoiería.

FEIRA DE PRODUTOS APÍCOLAS

Por outra banda, o Concello de Allariz e a Asociación Galega de Apicultura -AGA- acordaron non celebrar este ano a Feira de Produtos Apícolas en Allariz.

A data prevista para esta terceira edición era o 20 de setembro, pero despois de analizar ambas partes a situación, e vista a evolución sanitaria en Galicia da Covid-19 nas últimas semanas, decidiuse deixar a celebración deste evento para un mellor momento, esperando poida ser no 2021.

O Concello de Allariz e Asociación Galega de Apicultura levan anos colaborando na celebración desta feira, así como en diferentes actos ao longo do ano como pode ser o Día da Abella.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta