Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 06/08/2020 | Actualizada ás 19:29
O Concello da Coruña compareceu este xoves na causa aberta contra a Liga de Fútbol Profesional (LFP) e contra o seu presidente, Javier Tebas, así como contra o Club de Fútbol Fuenlabrada, polo brote de coronavirus orixinado na cidade a raíz do contaxio de varios integrantes da delegación trasladada á cidade herculina para xogar contra o Deportivo.
Segundo informou o Consistorio, os letrados municipais xa entregaron o escrito de comparecencia por mor da denuncia da Fiscalía, que foi engadida ás dilixencias previas que se están instruíndo no Xulgado número 6 da Coruña para analizar posibles responsabilidades penais na actuación da LFP e do club.
A Fiscalía, que actuou a instancias do Concello a raíz da viaxe do club con varios positivos por COVID-19 á cidade, xa presentou a súa denuncia polos feitos no xulgado, unha querela que se incluíu no procedemento aberto e asignado ao número 6 da Coruña.
Será o devandito xulgado o que se faga cargo dos feitos e asuma a investigación acumulada tanto da denuncia presentada por particulares como da que tramitou a Fiscalía a instancias do Concello.
A "MÁXIMA CONTUNDENCIA"
O goberno local busca así actuar "coa máxima contundencia" contra "aqueles que, movidos por intereses espurios, foron capaces de pór en risco unha cidade e realizar unha viaxe aínda sabendo que na súa expedición figuraban persoas que supuñan un risco evidente de difusión da enfermidade", destacan desde o municipio.
O Concello entende que a LFP debería impedir que a expedición saíse de Fuenlabrada. "Con todo, o equipo viaxou igualmente sen comunicarlles a súa situación ás autoridades sanitarias e pondo en risco a todas aquelas persoas con que se cruzaron durante a viaxe", lamentan.
A alcaldesa, Inés Rey, avanzou que o Concello da Coruña "irá ata o final" na esixencia de responsabilidades, mesmo pola vía penal, contra "todos aqueles que xestaron, sendo coñecedores do risco, o que se convertería no primeiro gran rebrote na Coruña, con consecuencias para a economía dunha cidade que está a realizar un gran esforzo por recuperarse da pandemia".
"Non vou tolerar que ninguén poña en risco a saúde dos coruñeses obedecendo a intereses que consideramos ilexítimos e inxustificados?, engadiu Inés Rey.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.