A crise, os cambios de cultivos e o uso de herbicidas poden arruinar o campo

Os herbicidas atacan a todo tipo de plantas, sexan ou non rendibles para a agricultura. Só os cultivos modificados xeneticamente poden resistir determinados compostos químicos. Algunhas voces relacionadas co rural estiman que algúns efectos destes produtos químicos poderían acabar eliminando parte da flora autóctona.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 17/02/2020 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O uso de herbicidas para a agricultura intensiva está creando alarmas que, en ocasións, poden levar a máis dun movemento ou organización política a presentar iniciativas en contra destes compostos químicos. En sentido contrario, non son poucas as denuncias en que o sector dos químicos praguicidas, sería acusado de fomentar campañas contra quen promove a erradicación do seu uso. Xunto a isto, tamén están os danos colaterais que poden causar as aplicacións de substancias biocidas, como a eliminación de flora que pode ser moi útil para a produción de mel, para manter a biodiversidade e a vida doutros polinizadores.

Uso do glifosato nos cultivos
Uso do glifosato nos cultivos | Fonte: Greenpeace

ALARMAS INNECESARIAS?

Os efectos “colaterais” dos diversos compostos químicos destinados á eliminación de malas herbas, son o cabalo de batalla para ecoloxistas e agricultores contrarios a estes produtos. Pola súa banda, as compañías químicas, como Monsanto-Bayer, estiman que o dano atribuído aos seus produtos non existe se se empregan de xeito correcto. Este tirapuxa ás veces ten como consecuencia a aparición de noticias onde uns e outros están avisando de efectos como a desaparición de determinadas especies vexetais e animais; ou pola contra, informacións onde se denuncia que o consumo de determinados produtos “verdes” tamén favorecen a eliminación de fauna e flora.

Así, a aparición dunha información sobre a elevada mortandade de abellas en relación ao cultivo de améndoas para ter “leite de améndoa, unha das alternativas veganas preferidas ao leite de vaca”. Esa información sinala a morte de 50.000 millóns de avellas entre 2018 e 2019. Outra das causas sería o estrés provocado para que polinicen antes de tempo as amendoeiras en terreos extensos, onde esas árbores estarían tratadas con pesticidas que tamén fomentarían a morte masiva destes insectos.

Cústame crer que a produción de améndoa estea acabando coa poboación de abellas”, di Xesús Asorey, presidente de AGA. Si é certo que en países como Arxentina se mercaron grandes extensións de terreo por parte de multinacionais para sementar soia e millo transxénico. “Arxentina era o segundo produtor mundial de mel, o caso é que polo uso de pesticidas as abellas si morrían en cantidade”. Asorey non descarta a mortandade de abellas por deixar a hibernación antes de tempo.

China e EE UU sacrifican abellas para polinizar as grandes extensións de terreos plantados” di Manuel García, apicultor. As palabras de García son compartidas por Elisa Oteros, de Ecologistas en Acción, cando afirma que as grandes extensións americanas axudaron a “crear unha industria de abellas polinizadoras” que se está copiando en Europa. Así en España existe un trafego de apicultores con colmeas para polinizar cultivos, cousa que en Galicia de momento aínda non se dá de forma intensa. Aínda que as amendoeiras están expandíndose polo sur de Galicia.

"Os produtos fitosanitarios contribúen a aumentar os rendementos na agricultura e axudan a asegurar unha boa calidade nos alimentos. Pero ao mesmo tempo, a súa utilización pode ter efectos na produción vexetal", sinalan desde a Consellería de Medio Rural.

OS MODELOS DE PRODUCIÓN, PAN PARA HOXE, FAME PARA MAÑÁ?

A crecente demanda de améndoas e outros froitos semellantes trouxo parella a reconversión do agro. Terreos de oliveiras, viñas e outras especies tradicionais, están dando paso ás amendoeiras que, de  momento, supoñen un negocio “rendible”. “A améndoa necesita moita auga, por iso se crean sistemas de rega para cultivala en lugares onde antes non se daba” sinala Elisa Oteros.

“O prezo da améndoa agora mesmo é elevado, mais cando o mercado xa estea saturado, os prezos baixarán, con que temos pan para hoxe e fame para mañá” sinala Oteros. A plantación de amendoeiras necesita dun investimento que implica moitas veces solicitar créditos. “Os prezos poden manterse altos durante tres ou catro anos, mais, despois se baixan, como se acaban de pagar eses créditos?”.

E para asegurar o cultivo, hai que asegurar que non haxa insectos polinizadores que compitan coas abellas. Aí é cando entran produtos como o glifosato, un potente herbicida cunhas consecuencias ata o momento descoñecidas. En marzo de 2019 a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria, EFSA, tivo que retirar as restriccións de acceso aos seus informes sobre o glifosato e a súa toxicidade.

As normas comunitarias que definen os límites máximos de residuos (LMR) de praguicidas en alimentos e pensos, están no Regulamento (CE) nº 396/2005 do Parlamento Europeo. Tamén están as do Consello do 23 de febreiro de 2005 relativo aos límites máximos de residuos de praguicidas en alimentos e pensos de orixe vexetal e animal e que modifica a Directiva 91/414/CEE do Consello.

Outro risco que trae o monocultivo de árbores como as amendoeiras, é que eliminan o cultivo en mosaico, tradicional en Galicia e outros lugares, abrindo paso a extensións uniformes. Ditas extensións precisan da eliminación de plantas que supoñan un risco para os cultivos.  “O herbicida emprégase todo o ano, podendo botalo tres veces por día” sinala Manuel García. Desta maneira, os terreos estarán cargados de herbicidas e pesticidas durante un longo período de tempo.

As novas técnicas intensivas de produción agraria están pensadas para o fornecemento constante dos mercados. O uso de produtos químicos dos que se descoñecen moitos efectos secundarios, poden eliminar parte da fauna e flora local, deixando unha paisaxe só con monocultivos e herba sen flores que polinizar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 non

Este é un tema tabú... están contaminando todo... non é normal o que lle botan ao campo e do esterco xa nin falamos... o botan como si fora auga .... así hai o que hai¡¡¡¡ Somo expertos en botar me rda e en facer mer da....¡¡¡