Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/02/2020 | Actualizada ás 12:19
Os apicultores galegos están preocupados polo novo plan deseñado pola Xunta para o control da vespa velutina. En Arzúa, reuníronse para abordar os problemas desta praga, deixándo "moitas interrogantes sen responder" sobre ese plan que aplicará a empresa Seaga, centrado básicamente na retirada de niños.
A idea é poñer en marcha medidas nos 275 concellos adheridos ao plan, pero os apicultores asistentes expuxeron as súas dúbidas pola "posible ineficacia do servizo", xa que non consideran que se melloren as ferramentas para iso.
O debate xerado no Día do Apicultor, entre os representantes da Xunta de Galicia e os apicultores amosa "un estado da situación impreciso de cara o futuro", advirten.
Por parte da Xunta de Galicia expuxeron o novo plan que poñerán en marcha este ano prácticamente no 90 % dos concellos de Galicia, que se difererencia do anterior, nos concellos onde o servizo o realizaba a empresa Tragsa, nun aumento do persoal encargado e reducción nos tempos de retirada dende o aviso.
"Pero o servizo terá un importante número de excpecións en función das condicións da ubicación dos niños, como por exemplo os situados a máis de 25 metros ou os ubicados preto de ríos, polo risco medioambiental", apuntan os apicultores.
Representantes da Asociación Galega de Apicultura e público asistente amosaron a súa preocupación ante a posible falta de eficacia deste plan, e que a pesar dos grandes recursos investidos, non se retiren a maior parte dos niños e polo tanto, incremente a presenza do tártago e favoreza o seu avance.
Por un lado, consideran que "investir a maior parte dos recursos na retirada de niños pode ser ineficaz pois non está demostrado que iso reduza os efectos negativos que produce a vespa velutina".
Por outro, cren que "non se están incorporando novos sistemas que melloren as técnicas de retirada, como por exemplo para acceder a niños ubicados a máis de 25 metros de altura, cando xa existen ferramentas que o permiten".
MEDIDAS
Neste sentido, o delegado de AGA no Morrazo José Mª Bello explicou a maior utilidade para a eliminación de niños do uso de carabinas de aire comprimido, que disparan balíns cunha cantidade mínima de insecticida, comparándoa coa mecanismo tradicional das pértegas para introducir litros de insecticida. Bello asegurou que con ese sistema se reduce significativamente tanto o custe como o tempo invertido nas actuacións.
Tamén participou no debate Marcos González, director do Museo de Historia Natural, que recalcou a importancia da investigación para atopar ferramentas verdadeiramente eficaces. Según González, a retirada de niños é esencial, pero hai que atopar outros sistemas, tamén para a detección precoz de niños.
Nese sentido, afirman que "existen estudos sobre o uso de feromonas sexuais, pero ata agora só para os machos, co cal non é unha solución realmente práctica. Hai que seguir investigando nas feromonas pero para atraer as femias ou as raíñas".
En canto o trampeo, plantexou dúbidas sobre a súa eficacia, pois "non hai ningún estudo que así o demostre".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.