Cando os tempos son chegados

Algúns avezados politólogos, pretenden presentar as próximas eleccións galegas como unha especie de batalla das Termópilas, un tanto descompensada cuantitativamente polo potencial de cada “bando”.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 30/08/2012

Comparte esta noticia

Galicia apréstase a unha oportunidade histórica neste contexto de crise, de ser o que ela decida querer ser. Non serven subterfuxios nin demagoxia; a hora de falar do pobo galego chegou, e a súa decisión soberana debe ser aceptada democraticamente por moi en desacordo que un poida estar. O problema vén cando nesta contenda electoral, as mentiras dos seus competidores son o reflexo do que quere ser a nosa sociedade. Unha partido no actual goberno galego que incumpre reiteradamente o seu “contrato coa sociedade”, e que fai que as súas políticas, -ou a ausencia de elas-, teñan como resultado un aumento exponencial das taxas de paro e destrución industrial, ou unha política deseñada para favorecer a marxinalidade dunha cultura e lingua que son a alma deste pobo, ao mesmo tempo que cae nunha submisión á centralidade das políticas estatais, inaceptable para unha nación como a galega.


Estamos nun contexto tan complicado, que a existencia de novas formacións políticas que pretenden ser alternativa aos partidos convencionais, molesta e pretenden minusvaloralas. Escoitarán vostedes a reputados politólogos afirmando incluso que non lembran o nome de algunha das novas formacións, mentres asesoran a líderes dos partidos tradicionais, ou mesmo a informadores afirmando sen pudor que son meros “escindidos do BNG”, aínda que como no caso de “Compromiso por Galicia” sexan moitos máis xa os que se integraron en dita formación os que proceden do galeguismo progresista ou o movemento ecosocialista. Estes partidos o que pretende é ofrecer alternativas a nosa sociedade e competir lexitimamente polo apoio dos galegos. Pensan que nesta Galicia que algúns pretenden acovardar, pódense facer as cousas de outro xeito, respectando a alma galeguista desta terra, e representando a todo o que vai dende o galeguismo progresista, até a esquerda transformadora, como alternativa aos modelos fracasados actuais.


É un déficit democrático preocupante os intentos de desinformación de mentes obtusas e interesadas. Chegou o momento de que os galegos saiban que o galeguismo por fin está unido e disposto a ofertar a súa terra unha ferramenta para traballar polo seu futuro. O inimigo non é o BNG nin outras forzas que pretendan lexitimamente ofertar outro xeito de facer as cousas. O inimigo é simplemente aquel que pon en práctica políticas de destrución masiva de todo o que sexa autogoberno para Galicia, mais a decisión de facelo, errando ou acertando, ten que ser soberana dos galegos.

Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rafael Cuiña Aparicio Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.