Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/10/2019 | Actualizada ás 13:53
O BNG presentou este sábado a campaña dos nacionalistas de cara ás eleccións do 10N, unha cita que afrontan cun apoio "claramente á alza" por parte da cidadanía "e un claro reforzo a nivel interno", posto que desde os comicios municipais do 26 de maio sumaron "máis de medio milleiro" de novas afiliacións.
Así o trasladou este sábado nunha rolda de prensa o membro da Executiva Nacional do Bloque Rubén Cela, que incidiu en que a candidatura do BNG, que inclúe ademais a membros de Compromiso por Galicia (CxG) tras un acordo entre ambas as organizacións, é "a única netamente galega, sen ningún tipo de ataduras nin dependencia" desde Madrid.
Precisamente, este acordo provocou unha crise en CxG e a baixa de numerosos militantes, entre eles, o ex secretario nacional Xoán Báscuas, ou a ex alcaldesa de Muros que denuncian o xiro "á dereita" dado na última asemblea desta formación a finais de abril. Un xiro que confirma a presenza de ex candidatos de Vox na dirección de CxG e ao que se referiu o presidente da Xunta para dicir que, "con esa viraxe o BNG vai perder votantes".
BNG e CxG terán como lema de campaña 'Facer valer Galiza con voz propia'. Neste sentido, Cela asegurou que os nacionalistas serán capaces de "transformar a rabia, a decepción e a frustración de moitos galegos cos partidos estatais" tras o fracaso dunha investidura que levou á repetición dos comicios.
Despois de que o BNG volvese quedar sen representación nas Cortes o 28 de abril, "boa parte dos galegos tomaron boa nota do que significa que o Bloque non estea en Madrid". "Se o BNG está, Galicia estará e pesará na política estatal", garantiu Cela.
"MENOS PESO POLÍTICO QUE CANTABRIA"
"Galicia debe xogar na liga das nacións con Euskadi e Cataluña", valorou, para despois incidir en que agora ten "mesmo menos peso político que Cantabria", posto que o Partido Rexionalista de Revilla si conseguiu entrar no Congreso.
Para lograr volver ás Cortes con políticas "de esquerdas" e "transformadoras", o BNG organizará unha campaña "moi diferente á do resto de forzas", posto que "non" contarán "con estudios de televisión" nin con créditos bancarios.
Pola contra, Cela explicou que será "unha campaña de base, desde abaixo e de proximidade", financiada "co esforzo de miles de simpatizantes e militantes", e para a que xa teñen programados "máis de 300 actos e mitins" por toda a xeografía galega.
DEBATE
O BNG volveu a reclamar publicamente a celebración dun debate de temática estatal "en 'prime time'" na Televisión de Galicia (TVG) entre os líderes políticos galegos de cara ás eleccións xerais do 10 de novembro.
"O que non vale é dicir todos os días que as eleccións xerais son clave para o futuro de Galicia, cousa que nós (o BNG) compartimos, e que nos medios públicos galegos isto pase sen pena nin gloria", incidiu.
Neste contexto, os nacionalistas galegos reclaman á TVG que acolla un debate "en 'prime time'", é dicir, en horario de máxima audiencia; e que sexa "serio", "rigoroso" e conte "con todas as garantías". "Menos conexión Madrid e máis conexión con Galicia", apostilou Cela.
O BNG xa solicitara para as eleccións xerais do 28 de abril a celebración dun debate cos líderes do PPdeG, PSdeG e En Marea, trasladándolles dita petición mesmo formalmente a través de cartas. Finalmente, non se chegou a materializar a dita proposta, senón que o ente público acolleu un enfrontamento entre candidatos ás Cortes por Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.