Poesía e carne de boi, atractivos para a fin de semana en Allariz

O VI ‘Poemagosto’ e o remate das ‘VIII Xornadas de Carne de Boi’ encherán a vila ourensá cun amplo programa cultural e a posibilidade de degustar os petiscos que ofrecen 17 establecementos hostaleiros.

Por X.M. Fernández | Allariz | 11/10/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O venres 11 de setembro empezan as actividades do ‘Poemagosto’ que estarán centralizadas na terraza e interior do Bar A Fábrica, na Alameda. Nesta primeira xornada haberá unha actividade para público familiar, Duende Circo, e a Festa de Inauguración do Poemagosto a partir das 23:00 h., festa que incluirá poesía e animación musical a cargo dos pica-discos “La Sincereza”.

Participantes no 'Poemagosto 2019'
Participantes no 'Poemagosto 2019'

A xornada do sábado comezará ás 11:30 h. cun interesantísimo roteiro polo Festival Internacional de Xardíns (entrada gratuíta), onde o coñecido botánico e poeta Raúl de Tapia falará dende diversos puntos de vista de toda a vida e curiosidades que se agochan detrás das árbores, as plantas e os seus ecosistemas. Durante a mañá e tarde sucederanse, no patio do Museo do Coiro, unha chea de actividades infantís, charlas, música, performances e recitais poéticos, etc. Ao redor das 19:15 h. terá lugar o Recital de Poesía principal do festival, onde recitarán a totalidade de poetas do cartel. Ás 22:30 h., e como fin de festa, terá lugar o concerto do coñecido grupo tradicional-folk feminino e letras reivindicativas Habelas Hainas, e a actuación do DJ Brigada Sound – Sapoconcho sem Poncho.

O domingo 13 será a quenda das actividades na Praza de Arriba e de Abaixo, no centro da vila, co 3º Concurso de Poesía Recitada ás 11:30 h., unha contada infantil ás 12:30 h., música polos bares a cargo de Ukelerria, e como remate o concerto do grupo de música indie-pop galego Atrás Tigre  ao redor das 13:30 h. Toda a información do festival poético podedes atopala na web do evento.

GASTRONOMÍA

As VIII Xornadas de carne de Boi de Allariz afrontan tamén a súa recta final, sendo o día 13 o derradeiro no que se poden degustar os menús especiais e os petiscos que participan no concurso de tapas deste ano.

Museo do Coiro en Allariz. Foto: XMF  Río Arnoia
Museo do Coiro en Allariz. Foto: XMF Río Arnoia | Fonte: XM Fdez

Esta actividade de dinamización económica que potencia a carne de boi autóctona e o turismo gastronómico en Allariz vai cada ano a máis e os petiscos presentados a concurso resultan moi atractivos. Dezasete locais de hostalería ofrecen menús especiais e petiscos para a ocasión e os participantes no concurso de tapas poden optar a diferentes premios. A información ao detalle está na páxina web das xornadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta