Xa nin estética

As enquisas do Centro de investigacións sociolóxicas, sinalan nos seus baremos periódicos, unha crecente e preocupante desafección pola caste política, situándoa como un dos principais problemas dun país en ruínas.

Por Rafael Cuiña | Rafael Cuíña | 20/04/2012

Comparte esta noticia
Son estes datos consecuencia dunha posta en escena cada vez máis mediocre dos nosos representantes, e do seu ínfimo nivel de credibilidade, tanto no que afecta ás políticas cara a cidadanía, como o que respecta á confianza dos mercados internacionais. Políticos imputados por toda a xeografía estatal, tribunas parlamentarias enchidas de palmeiros do líder de quenda, alcaldes presuntamente prevaricadores que seguen contra vento e marea nos seus cargos, máximos responsables da oposición dando leccións éticas dende os medios sen mirar a podremia  instalada nas súas propias ringleiras, lexisladores mornos antes a crise, e reformadores da nada varios. Este é o panorama que un pode apreciar, cando observa con desdén como os elixidos para representarnos, -con honrosas e significadas excepcións-, non son máis que un fiel reflexo do que os cidadáns permitimos que sexan.
 
Se fixéramos caso de sabios como Spinoza e aplicásemos principios como o de estudar o pasado, para que este non se repita, veríamos como xeración tras xeración os mesmos erros inducen a fracasos semellantes. Na anterior lexislatura gobernaba un partido ideoloxicamente socialista que puxo en marcha políticas de dereita impostas dende Bruxelas, mentres no actual período de sesións o goberno dos populares segue con follas de ruta similares en canto ás políticas inducidas, co agravante do reiterado incumprimento de promesas electorais de non hai tanto tempo. Subidas de impostos que en outros tempos cualificaban de insolidarias, agora son un mantra presuntamente necesario, e “repagos” sanitarios anteriormente negados por destacados membros do gabinete actual, que agora son necesarios ante a situación de bancarrota das contas públicas. En Xermania apuntan hai tempo a que no estado español, esas subidas impositivas serán máis permanentes que a suposta temporalidade anunciada polo goberno, e tamén a unha suba do IVE, contra a que  hai poucos meses chamaba á rebelión social a moi liberal presidenta da asemblea de Madrid, Esperanza Aguirre.
 
A realidade indica que os anuncios do goberno de subida das pensións non foron máis que fume propagandístico, cando o incremento do custe dos medicamentos vai ser superior ao da subida das pensións. Por iso un treme cando na época actual dos druídas discapacitados, xa nin a estética tenta cubrir á evidente falla de ética.
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rafael Cuiña Aparicio Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.