Máis Termópilas que Normandía

Sen dúbida a folga xeral do pasado xoves, supuxo o inicio expreso dunhas hostilidades contra a actual administración do Partido Popular, que de xeito tácito xa empezaran dende determinados sectores, o mesmo día da súa vitoria democrática nas urnas.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 30/03/2012

Comparte esta noticia

Os bailes de cifras no tocante ao éxito da convocatoria, non son máis que o reflexo dunha sociedade enfrontada, na que uns non queren renunciar aos seus privilexios, e outros non queren que esnaquicen os poucos que lles quedan, despois de moitos anos de loita da clase traballadora. Protestaban os sindicalistas pola –na súa opinión- excesiva presenza policial nas rúas, como se do “desembarco de Normandía” se tratase (sic), mentres os piquetes en determinados puntos de Compostela pretendían que se asemellase máis o escenario á batalla das Termópilas grega, con barricadas e queimas de pneumáticos a modo de muro da vergoña, que provocan no cidadán medio o efecto contrario ao que buscan.

A clase traballadora está pagando de xeito especial unha crise que eles non provocaron, ao mesmo tempo que a clase política, sen dúbida, non está á altura das circunstancias. Mentres os sindicatos estatais, absolutamente desprestixiados, intentan aplicar unha especie de “teoría do caos” contra o goberno popular, a CIG –con todo o que me afasta de ela- si pode presumir dunha traxectoria de coherencia na loita sindical, independentemente do tenor ideolóxico do goberno de quenda. O Partido Popular a estas alturas xa sabe que hai sectores dispostos por desesperación a enfrontarse aos poderes fácticos, e en transformar as rúas do Estado en pequenos campos de batalla que nos asemellen á Grecia do século XXI. Por iso a necesidade dun exercicio de responsabilidade para chegar a acordos entre a clase traballadora e a caste gubernamental, tendo claro como principio da negociación, a situación límite do Estado, con previsión de empeoramento, como se dun informe dos presuntos terroristas de Goldman Sach se tratase.

Os orzamentos que hoxe anuncia o goberno de Angela Merkel para España, tendo o executivo español como mero transmisor, anuncian tempestades fortes e avernos caseiros, e probablemente un “big bang” no noso estilo de vida, provocado un efecto bolboreta devastador, responsabilidade única e exclusiva dos que deixaron que a súa evidente inutilidade se proxecte actualmente sobre as existencias de seres até o de agora submisos, dispostos xa a librar a batalla da subsistencia.

Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rafael Cuiña Aparicio Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.