GC Aberto

Plásticos e microplásticos

Dependendo da súa estrutura química e das condicións ambientais, as macromoléculas que constitúen os plásticos demoran entre cincuenta e mil anos en degradarse por completo; o cal está a xerar un grave problema de contaminación en todo o planeta Terra debido á diversificación e ao incremento exponencial nas últimas décadas dos artigos de consumo, e á utilización de plásticos para a súa produción e conservación.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 10/06/2019

Comparte esta noticia

A Fundación do Español Urxente (Fundéu), elixiu a voz microplástico como palabra do ano 2018, á que lle asignou a seguinte definición: «Os microplásticos son pequenos fragmentos de plástico (menores de cinco milímetros) que ou ben se fabricaron xa con ese tamaño para ser empregados en produtos de limpeza e hixiene, ou ben afastáronse dun plástico maior (bolsas da compra, envases de toda caste…) durante o seu proceso de descomposición».

Plásticos no mar
Plásticos no mar | Fonte: NOAA.

Pero… ¿Que é o plástico? O plástico é un material moi maleábel composto por macromoléculas orgánicas (é dicir; que conteñen principalmente carbono, aínda que tamén hidróxeno, osíxeno, nitróxeno e outros elementos químicos propios dos seres vivos) sintéticas ou semisintéticas. Grazas á súa elevada  maleabilidade, os plásticos son moi útiles e úsanse dende hai pouco máis dun século na elaboración de infinidade de produtos comerciais  e industriais.

Porén; dependendo da súa estrutura química e das condicións ambientais, as macromoléculas que constitúen os plásticos demoran entre cincuenta e mil anos en degradarse por completo; o cal está a xerar un grave problema de contaminación en todo o planeta Terra debido á diversificación e ao incremento exponencial nas últimas décadas dos artigos de consumo, e á utilización de plásticos para a súa produción e conservación.

O problema que temos diante dos nosos ollos é grave non só porque dende o punto de vista estético a contaminación provocada polos plásticos destrúe a beleza ― muchando, con ela, a alegría de vivir—, senón tamén porque parte dos compoñentes que os integran rematan no interior do noso organismo ―e no dos demais seres vivos—, xerando patoloxías de toda índole: hormonais, inmunolóxicas, tumorais, etcétera.

Este perigo ambiental e sanitario non se resolverá mediante as leis- paripé que se ditaron en moitos países, incluído o Reino de España («Real Decreto 293/2018, do 18 de maio, sobre redución do consumo de bolsas de plástico e polo que se crea o Rexistro de Produtores»). E é que as bolsas representan tan só unha parte da produción mundial de plásticos; e ademais, a solución definitiva non estriba na «redución do consumo» como cren os redactores do RD 293/2018, senón no cesamento total da súa produción con materiais non biodegradábeis.

Con todo; temos que ser realistas e asumir que xa non é posíbel prescindir dos servizos que préstannos os plásticos nos nosos quefaceres cotiás. Por conseguinte, é preciso retornar ás orixes, cando os irmáns Isaías e John Wesley Hyatt sintetizaron o primeiro material plástico da historia —o celuloide―, estimulados pola convocatoria dunha empresa de xogos de salón para crear un elemento alternativo ao marfil co que se fabricaban as bólas de billar.

Na actualidade faise necesario convocar un novo concurso público, auspiciado e financiado polas máis relevantes institucións e organizacións supranacionais, para investigar con seriedade, constancia e rigor novos materiais que posuíndo similares características aos múltiples tipos de plásticos (non só os que conforman as bolsas) que producen as empresas, sobre todo da industria alimentaria e de consumo masivo, poidan desempeñar idénticas funcións pero que se desintegren na súa totalidade nun curto período de tempo.

Así mesmo, resulta inevitábel xerar un profundo cambio cultural nos cidadáns e nos comerciantes e empresarios, ao obxecto de conciencialos da imperiosa necesidade de non usar nin fabricar artigos que conteñan de forma innecesaria materias plásticos (por exemplo: bastonciños hixiénicos, vaixelas, fundas para que non pinguen os paraugas, etiquetas da roupa, bolsas do pan, tápers de comida rápida, etcétera [convido aos lectores a identificar outros]). E tamén para que os reciclemos en todo momento e lugar, sen considerar en absoluto o seu tamaño; por moi pequeno que nos pareza.

Non debe cabernos ningunha dúbida de que o enxeño humano, si se o propón e fornécenselle os medios indispensábeis para elo, será capaz de superar este reto que ameaza por igual á supervivencia e á pervivencia dos tres reinos da natureza: o animal, o vexetal e o mineral.

Como conclusión; xamais esquezamos nin pasemos por alto que o plástico é un material escasamente biodegradábel, pero extraordinariamente biodesagradábel.

Xabier Vila-Coia

www.vila-coia.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta