Queres traducir gratis as páxinas da túa empresa ao galego?

englishpanish ofrece este servizo a todas as empresas galegas que tamén busquen a tradución ao inglés.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/05/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

englishpanish lanzou co gallo do Día das Letras Galegas unha campaña dirixida á normalización lingüística do noso idioma no mundo dixital empresarial galego. O seu obxectivo é ofrecer gratuitamente a tradución á lingua do país das páxinas web de todas as empresas galegas, ou de fóra do país porén con actividade no noso territorio. 

Francisco Borxa González, director de www.englishpanish.com
Francisco Borxa González, director de www.englishpanish.com

Esta iniciativa ofrecerase como agasallo a todos os clientes que contraten a tradución da web a outro idioma, principalmente ao inglés.  A tradución gratuíta ao galego cobre un máximo de 1000 palabras, o que é máis que suficiente para abranguer as principais seccións dunha páxina de empresa: Inicio, Quen somos, Servizos, Contacto.

“A idea xurdiu hai cousa dun mes -comenta o colaborador do Galicia Confidencial e director de englishpanish, Francisco Borxa González- estábamos a traballar na tradución ao catalán do site dunha empresa galega que ten clientes en Cataluña, e que despois da nosa tradución ía ficar coa páxina web en castelán, inglés, francés e catalán. Pareceunos un contrasenso fóra de toda lóxica que tivese a páxina en catro idiomas e que ningún deles fose o galego”.

Este cliente, que leva anos traballando coa empresa, non tivo inconveniente en ofrecer o galego e, ademais, pareceulle moi boa iniciativa. “Ofrecémoslle a tradución gratuíta da páxina ao galego e a verdade é que a súa resposta foi o que máis nos animou a lanzar esta campaña”, apunta González.

COMPROMISO COAS LINGUAS DA PENÍNSULA IBÉRICA

O compromiso co galego de englishpanish non é algo novo. Alén de formar parte do certificado “Abertos ao Galego”, impulsado pola Mesa pola Normalización Lingüística, desde hai xa varios anos, é patrocinador de iniciativas como as escolas Semente, alén de ter como un dos seus sinais de identidade o respecto e promoción das linguas menos protexidas do Estado, como o catalán e o éuscaro. A propia páxina web de englishpanish está tamén nestes dous idiomas, alén do galego, o portugués e o inglés.

De feito, a orixe da marca “englishpanish” non se refire unicamente a tradución máis habitual coa que traballa a empresa: inglés-español. “Desde un principio entendemos o termo ‘Spanish’ no sentido orixinario do termo ‘Hispano’; isto é, sinónimo de ibérico, e aí entran todas as linguas do Estado español a máis do portugués”. 

englishpanish é unha das empresas líderes do Estado en tradución académica, traballando con preto de cen universidades e institutos de investigación. A promoción de englishpanish leva o nome de “Ano das Letras” e durará todo o ano 2019. Máis información na súa web.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta