A directora Gena Baamonde e dez fantásticas actrices fan maxia no CDG

En xira a primeira producción propia do Centro Dramático Galego, Neorretranca e posmorriña.

Por Valentin Carrera | Compostela | 16/04/2019 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Como as aureanas da miña terra, que lavaban as augas do Sil cunha corrente fina a carón das Médulas romanas ou as portas de Valdeorras, e eran quen de atopar pequenas pebida de ouro, un elenco de dez fantásticas actrices e a directora Gena Baamonde foron quen de facer maxia e sacar ouro da nada.

Representación de Neorretranca e Posmorriña no CDG
Representación de Neorretranca e Posmorriña no CDG

A  nada son dous textos —non chegan a categoría de obra de teatro— de lectura imposible, Fantasía nº 5 en sol ou non de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza de Roi Vidal Ponte, escollidos polo Centro Dramático Galego para a súa primeira produción propia, Neorretranca e posmorriña.

Asumida a impotencia metafísica dos textos, parabéns ao CDG e a súa directora, Fefa Noia, por arriscar nesta montaxe: apostar por “facer piña” co novo e novedoso, e apostar pola vangarda estética, é sempre digno de louvanza. O experimento, froito do grupo de traballo DramaturXa, fixo posible un milagre sobre as táboas do Teatro Principal: un aquelarre valleinclanesco, unha festa do esperpento.

O mérito indiscutible e coral é do equipo dirixido por Gena Baamonde. Elas son as aureanas dunha dramaturxia moi contemporánea, poliamorosa, irreverente, fresca, desenvolta e as veces divertida. É de xustiza nomear as dez aureanas da posmorriña: Ánxela Blanco, Anabell Gago, Areta Bolado, Atenea García, Olga Cameselle, Andrea Quintana, Mercedes Castro, María Roja, Raquel Espada e Laura Villaverde. Con elas, o resto da equipo: a escenografía de Marta Pazos, o vestiario de Saturna (Alicia e Lola Dapena), a caracterización de Esther Quintas, a iluminación de Wilma Moutinho, a coreografía de María Cabeza de Vaca e a música de Ailén Kendelman.

O dobre experimento teatral fala da “Identidade galega como concepto inaprensible, como acción non rematada, como busca incesante. Memoria compartida inzada de símbolos. Soidades dun territorio aberto e por explorar —escribe a directora, Gena Baamonde—. Non hai que entendelo todo. Non hai que poñerlle subtítulos. Disfrutade da maxia da escea”.

E sí, por ventura hai maxia: o que acontece en escea ten momentos de gran intensidade e beleza, nótase o traballo de construción nos ensaios, a ininterrompida conversa das actrices entre elas mesmas e coa música, co vestiario, coa luz; a construción dun imaxinario coral sen apenas código textual: “Nós somos a mensaxe, nós mesmas somos as pepitas de ouro”. 

UN PRACER ESTÉTICO

Na primeira parte, Neorretranca, as dez aureanas se desenvolven como un todo articulado. A escenografía é tan sinxela como eficaz; a iluminación e a música son envolventes, as figurinistas de Saturna acertan nas formas e cores matizados e suaves; e o conxunto ten a fluidez dun atardecer, unha inque-danza de sombras femininas con forza, con dozura, con desacougo, as veces con rabia ou con ledicia. 

Un pracer estético, aínda que ao remate sigamos sen saber si a cousa foi un aquelarre de meigas ante unha cona tecida con encaixe de Camariñas ou unha reescritura surrealista de Risco, Cunqueiro e Novoneyra. A destacar o monólogo dos Eidos, da novísima Raquel Espada, retrato da Galicia rural e interior en venta.

Na segunda parte, homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, o fillo Roi non consigue despegarse, ou desapegarse, da sombra freudiana do pai. A recreación postmoderna de Doentes (1997) é unha ocasión perdida: no canto de resucitar un Castelao pouco crible e unha Rosalía incrible, mellor sería tirar de tolos e doentes actuais, que temos abondo. No top 10, a representación dun Isaac Díaz Pardo cuspidiño (Laura Villaverde), e o número musical de Pili Pampín, 100% identidade galega, marcando tendencia na Telegaita. Isto, e a saída de Areta-Mary Shelley, autora de Frankestein, pola conacha, peseta ou empanada xigante que domina a escena, foron momentos teatrais sublimes e sobre todo divertidos.

Parabéns a Gena Baamonde, as dez neo-aureanas, a toda a equipa artística e de produción, a Fefa Noia e ao CDG. O seu extravío futurista, digno dun novo Doentes de Vidal Bolaño, fixo posible esta maxia teatral, retrato dunha Galicia na que nos sobra posmorriña e nos falta neorretranca. Longa vida as doentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta