"Neorretranca e posmorriña" para reflexionar sobre a identidade do ser galego

O Salón Teatro de Santiago acollará este xoves a estrea da nova produción propia do Centro Dramático Galego, ideada no grupo 'DramaturXa'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2019 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

A construción da identidade nacional a través da óptica de dous autores. Esta é a premisa central de 'Neorretranca e posmorriña', nova produción do Centro Dramático Galego e a primeira obra en saír do grupo de traballo 'DramaturXa', co obxectivo de ofrecer un impulso a autores novos e ás creacións máis contemporáneas do xénero.

Deste grupo de traballo saíron catro textos, dous dos cales se representarán este xoves no Salón Teatro de Santiago. Ambas as pezas están unidas baixo esa idea central do concepto da identidade galega, aínda que parten de puntos de vista diferentes.

'Fantasía nº5 en sol ou non', de Esther F. Carrodeguas, está concibido para obrigar ao director "a abrirse á liberdade" e situar ao corpo na centralidade do espazo escénico. A autora destacou que a peza extrae a súa forma, en certo xeito, da música, apropiándose de fórmulas como as repeticións ou ofrecendo liberdade de interpretación nalgunhas seccións.

Carrodeguas incidiu en que se trata do texto "máis propio e libre" e, sobre todo, "máis honesto" consigo mesma que escribiu para unha representación. "Se pode definir a Galicia non o sei, pero é un primeiro paso no camiño como autora propia".

A segunda parte da obra preséntase co título 'Boisaca ou a divina desgraza'. Nela, Roi Vidal, fillo de Roberto Vidal Bolaño, ofrece un texto "moi persoal e moi sincero" e á vez "unha desgraza" surrealista, metateatral e autoficcional.

Neste sentido, o punto de partida da identidade nacional evolucionou nunha reflexión que parte da "identidade individual, da propia", cargado de homenaxes non só á obra de Vidal Bolaño, senón á historia do teatro galego.

CAMBIAR OS CÓDIGOS

'Neorretranca e posmorriña', que se estrea este xoves no marco dunha xira que se estenderá durante dous meses en diversos escenarios galegos, está dirixida por Gena Baamonde, que incidiu no "pracer" de traballar en "cambiar os códigos de pensar" e cambiar "a centralidade da palabra" pola versatilidade do corpo, sempre "primando o traballo escénico".

Ambos autores, xunto a outros dez, formaron parte da primeira edición do grupo de traballo 'DramaturXa', baixo á coordinación do escritor e director Manuel Lourenzo, como parte do programa 'Dramaturxente' de apoio e fomento á autoría teatral galega contemporánea.

Fefa Noia, directora do CDG, aplaudiu o desenvolvemento desta iniciativa, que era un dos obxectivos desde que se incorporou e asumiu as rendas do centro: ofrecer un apoio ás producións de teatro contemporáneo. Unha liña de apoio que confía en estender a través dunha nova convocatoria con novos autores, aínda que esta viría precedida da posta en escena dos outros dous textos seleccionados entre os desenvolvidos dentro do citado grupo de traballo.

Así e aínda que recoñeceu non estar satisfeita coa xira, na que de momento están ausentes Lugo ou Ourense, si trasladou o seu pracer respecto ao traballo feito neste proxecto, ao que profesa "especial agarimo".Finalmente, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, recoñeceu o catro anos de traballo de Fena Noia á fronte do CDG e á "valentía" por dar saída a este proceso, cuxos primeiros froitos se poderán ver este xoves en Santiago e que achega a visión de creadores "novos" e "totalmente diferente" das producións impulsadas por esta entidade nos últimos anos.

A obra 'Neorretranca e posmorriña' ofrece este xoves unha reflexión sobre a ide. CDG
A obra 'Neorretranca e posmorriña' ofrece este xoves unha reflexión sobre a ide. CDG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta