Artistas galegos colaboran para traer cativos de África que necesitan ser intervidos de graves patoloxías

Afundación e a ONG Tierra de Hombres inauguran este venres na Coruña a exposición "Unha viaxe solidaria e creativa á vida", para recadar fondos en beneficio do programa "Viaxe cara á vida".

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 21/03/2019 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a Fundación Tierra de Hombres presentan na Coruña a II Exposición Colectiva «Unha viaxe solidaria e creativa á vida». Trátase dun proxecto expositivo colectivo no que participan coas súas obras 52 debuxantes, pintores e escultores galegos para recadar fondos en beneficio do programa «Viaxe cara á vida» organizado pola ONG.

Cativo africano atendido en España grazas á Fundación Tierra de Hombres.
Cativo africano atendido en España grazas á Fundación Tierra de Hombres.

A mostra inaugúrase este venres 22 de marzo, ás 19.30 horas, na Sala de Exposicións do terceiro andar da Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8) onde se poderá visitar ata o próximo 21 de abril, de luns a venres en horario de 17.00 a 21.00 h e os sábados de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h.

Na exposición, coordinada por Francis Marrouch e Pedro Bueno, participan artistas como Soledad Penalta, Pilar Cancio, Novais, Pedro Bueno, Mercedes Molares ou José María de Urda, cuxas obras se poderán adquirir para colaborar coa Fundación Tierra de Hombres.

«Viaxe cara á vida» é un programa sanitario promovido pola Fundación Tierra de Hombres, que facilita desde 1995 o traslado a España de nenas e nenos procedentes de países africanos cun baixo índice de desenvolvemento, entre eles Togo, Benín, Mauritania, Senegal, Marrocos e Guinea Conakry, para ser intervidos de diferentes e graves patoloxías que non poden ser atendidas nos seus lugares de orixe por falta de recursos e infraestruturas sanitarias adecuadas.

Durante este período foron operados case 700 nenos e nenas, 97 deles en Galicia, de cardiopatías, queimaduras ou problemas traumatolóxicos e maxilofaciais. No proxecto colaboran de forma altruísta hospitais da sanidade pública e privada (en Galicia, o Hospital Materno Infantil da Coruña, Hospital Clínico de Santiago, o Grupo Hospitalario HM La Rosaleda de Santiago de Compostela e o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo), equipos médicos, voluntariado e familias de acollida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta