Por Europa Press / Redacción | Compostela | 07/03/2019 | Actualizada ás 19:39
En Marea mantén contactos con Compromís, que goberna co PSOE en Valencia, Més per Mallorca e Chunta Aragonesista para a creación dunha coalición electoral para as europeas na que non están os anteriores socios da confluencia galega --Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia-- que irán dentro da marca Podemos.
Así o indicou o responsable de Análise política e estratéxica da coordinadora de En Marea, Xoán Hermida, durante a presentación da candidatura do partido instrumental ás europeas, liderada pola actual eurodeputada Lida Senra.
A proposta da cúpula de En Marea someterase á opinión dos inscritos este fin de semana nun proceso que se celebrará de maneira paralela ás primarias para a proclamación das listas electorais ao Congreso e ao Senado.
En todas elas unicamente concorren candidatos propostos pola dirección que encabeza Luís Villares, xa que o sector crítico --Anova, EU, Podemos e as mareas de Santiago, Ferrol e A Coruañ-- rexeitan presentarse baixo o paraugas do partido instrumental, o que aboca a En Marea a dividirse en dúas candidaturas nas xerais do próximo 28 de abril.
Unha ruptura que tamén se escenificará nas eleccións europeas do 26 de maio, data na que tamén se celebran en Galicia comicios ás corporacións municipais. Así, o partido instrumental recoñece que os contactos están avanzados para a creación dunha plataforma "progresista" xunto con outras organizacións do ámbito estatal, entre as que sitúa a Compromís, Més e Chunta Aragonesista.
"Queremos deixar claro que nas eleccións europeas vai haber unha papeleta de En Marea, ben sós ou nesa coalición", asegurou Hermida, que ocupa o número tres na lista de En Marea ás primarias, nas que os inscritos poderán modificar a orde proposta pola dirección.
Cuestionado sobre se estes contactos non inclúen a Anova, EU e Podemos; Xosé Hermida recoñeceu que "a vida política cambia". "Nós non abandonamos a ninguén, en todo caso, se nos abandonan a nós terán que explicar eles por que", incidiu o responsable de Estratexia Política e membro de Marea de Pontevedra. "Somos unha forza nacional, municipalista e con vocación europea", incidiu, para logo subliñar que buscarán o entendemento "cos que se queiran entender" con eles.
LIDIA SENRA
Así as cousas, Lídia Senra encabeza a proposta da cúpula do partido instrumental para as europeas, que deberá ser referendada polos inscritos do partido instrumental nas primarias que se celebran entre este venres e o luns 11 de marzo.
Senra, eurodeputada ao longo do últimos cinco anos despois de ser electa pola coalición Alternativa Galega de Esquerdas en Europa --promovida por Anova e EU e que supón o xerme de En Marea--, destacou que "aínda que parece" que Bruxelas "está moi lonxe" o "80%" das políticas dos países membros "decídese nas institucións europeas".
Por iso, confía en poder "dar continuidade" ao traballo iniciado ao longo da última lexislatura en ámbitos como a "defensa" de sectores produtivos "clave" para Galicia como o rural ou o marítimo pesqueiro, as pensións, o feminismo ou o medio ambiente.
"Cremos nunha Europa totalmente distinta, a Europa dos pobos que respecte o dereito a decidir, a Europa da solidariedade", incidiu a europarlamentaria, que censura a construción de "unha Unión Europea das multinacionais e do libre comercio".
LISTAS
Así, acompañan a Lídia Senra na candidatura proposta pola dirección de Luís Villares a marinense Sandra Pesqueira no número dous, o propio Xoán Hermida no tres, Celsa Ogando no catro e José Manuel García González no cinco.
Ademais, tamén figuran como número seis o ourensán José Manuel García González, a chantandina Olga Otero no sete, Xabier Janeiro no oitavo e Orlando Gregorio Álvarez no noveno. Pecha o dez primeiros postos o deputado de En Marea na Cámara galega e exalcalde de Manzaneda Davide Rodríguez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.